Licenciada en Filoloxía galego-portuguesa pola USC.
Traballa como normalizadora lingüística no Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo.
No 2016 ve a luz a súa primeira obra en solitario 'Chorimas serodias' un poemario marcadamente intimista onde a poeta bebe das temáticas recorrentes na literatura do XIX como o amor e o desamor, o paso do tempo, a morte e a evasión da realidade, abeirándose no seu universo de maxín e fantasía.
Con anterioridade, participa en varias publicacións colectivas onde dá a coñecer a súa obra lírica: “Deixei de escribir para min cando cederon as bisagras da alma”, ao tempo que ofrece numerosos recitais.
Libros colectivos: Alén do silencio, 2014; Un libro de libros, 2014; Galiza–Moçambique: numa linguagem e numa sinfonía, Roteiro das artes internacional, 2016; Angola–Galiza: sementes da lingua, 2017; Antoloxía Brasil–Galiza, (no prelo) e Manuel María: libro de homenaxe.
Libros colectivos en formato dixital: Poemas pendurados de Farolas. Lumes nunca máis! Estraperlo Culturalia GZ, 2018; As Rosalías abriron a fiestra, Estraperlo Culturalia GZ, 2018.
Asemade, as súas colaboracións colectivas están presentes no “Grupo colectivo CE-ARTE”, de Lugo, entre novembro de 2013 e marzo de 2014.
Actualmente é a coordinadora do programa de radio Verso a Verso, sección da emisora online Openradio.es: un limiar aberto á poesía desde os clásicos ata a poesía actual presentada na voz de poetas xa consagrados e tamén, como non, de todas as persoas que comezan a achar o seu lugar no panorama literario.