Miguel Castelo


Categoría: Xornalista e escritor
 Currículum

Abandonou a súa profesión de mariño mercante atraído polo mundo da comunicación. É licenciado en Ciencias da Información, na especialidade de Imaxe e Son, pola Universidade Complutense de Madrid. En 1979 crea a marca productora "Ábrago Filmes" e, tras uns anos dedicado a labores de xornalismo en prensa, radio e TV e á realización de cometidos de organización e difusión na primeira etapa da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, retoma en 1990 a actividade de producción e realización cinematográfica.

 Obras realizadas

Realizou traballos sobre cine, teatro e outros aspectos da cultura en diversas publicacións e xornais galegos e de fora de Galicia e efectuou colaboracións en TVE en Madrid, no seu Centro Territorial de Galicia e na TVG. Ademais de ter traballado, realizando diversos cometidos, na maior parte das produccións galegas dos anos 70, foi membro fundador da empresa audiovisual, xa desaparecida, "Trama", pioneira en Galicia na súa especialidade. Realizou os seguintes traballos como guionista: O pai de Migueliño, Cantares, O partiquino Ramírez, Hollywood, Hollywood e O desexo. Tamén dirixiu: O pai de Migueliño, Macana de dote, che, O desexo, Cousas de sempre e Cita no camposanto (as dúas últimas en fase de postproducción).

 Outros datos de interese

A súa primeira realización como guionista e director, O pai de Migueliño, foi seleccionada nos máis importantes encontros cinematográficos españois (San Sebastián, Valladolid, Bilbao, Xixón,...) e estranxeiros (Oberhausen, Moscova, Utrecht, Londres) e galardoada co premio da crítica no "V Certame Internacional de Filmes Curtos Cidade de Barcelona" e cunha mención especial na "XIX Setmana Internacional del Cinema de Barcelona". O seu último traballo, O desexo, obtivo o "Gran Premio do Cine Español" do "XXXVI Festival Internacional de Cine Documental e de Curtametraxe de Bilbao", o "Prémio Especial do Juri" e o "Premio da Organizaçao" do "Festival Internacional de Cinema do Algarve", o "Tatu de Prata á Melhor Fotografía do XXII Festival Internacional de Cinema de Bahia" e o "Premio AEC á Mellor Fotografía na VI Semana Internacional de Cine Experimental de Madrid". Ademais de ter sido incluído no "Panorama de Cine Español" do XVI Festival Internacional do Novo Cine Latinoamericano da Habana, no "Cortocircuito" de Nápoles 96 e no "II Festival Internacional do Cortometraggio" de Siena, O desexo foi seleccionado oficialmente para tomar parte nos festivais internacionais de Mannheim-Heidelberg, Huy, Namur, Alcalá de Henares e Torello, nas edicións cuadraxesimocuarta, trixesimoquinta, terceira, vixesimoquinta e decimocuarta, respectivamente. Estrictamente no ámbito da producción executiva, realizou O Matachín, de Jorge Coira (Premio á Mellor Curtametraxe no I Festival de Cine Independente de Ourense) e Isolina do Caurel de Chema Gagino.