Miguel Caamaño


Categoría: Artista. Esmaltador.
Data de Nacemento: En 1971
Lugar de Nacemento: Lugo
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

   Cultura
 Currículum

Artista de formación fundamentalmente autodidacta, comezou ós 17 anos como aprendiz, rematando por crear o seu propio taller, dando forma a innumerables pezas de xoiería, únicas e totalmente feitas a man, tanto en ouro como en prata, sumando a iso nestes últimos anos o esmalte artístico que o leva a expoñer en diferentes puntos e lugares de todo o mundo, destacando especialmente por ter sido seleccionado como único representante de España no prestixioso Salón Internacional do Centro Cultural Jacques Prévert en Aixe-Sur-Vienne (Francia, 2004).
Puidéronse ver as súas creacións en varias revistas internacionais de arte e esmalte, como as prestixiosas revistas “Arte y Joya” (nº 157, Barcelona, 2004), L’Esmalt (nº 74, Barcelona 2007), Revistart (nº 117, Barcelona 2007), Diccionario Internacional de Arte y Literatura (Córdoba 2007), GAL-ART.com (18 de xuño de 2007), “enamel” British Society of enamellers. Glass on Metal Artists (Outono 2007, Vol.5, nº3, Pág.9).
Colaborou co Museo Provincial de Lugo en varias ocasións, destacando: Realizou a petición do mesmo unha peza de prata e esmalte para un mini congreso infantil celebrado co gallo do V Aniversario da Declaración da Muralla Romana de Lugo como Patrimonio da Humanidade (novembro 2005).
Elaboración dunha serie de pezas “Tessera Hospitalis” en prata de lei, reproduccións da orixinalmente realizada no ano 28 d.C. por orde do Imperio Romano como documento xurídico constitutivo dun forzoso tratado de amizade imposto a dous pobos indíxenas, mostra da romanización da Península. Estas pezas foron realizadas para o IX Coloquio Galego de Museos: “Museos, Espacio y Discurso” celebrado en Lugo en outubro de 2006.
Actualmente traballa o esmalte artístico sobre metal, combinándoo con prata e abarcando as diferentes técnicas existentes, dando lugar a unha grande variedade de obras que foron seleccionadas para participar en distintas exposicións internacionais, recibindo unha boa aceptación: os seus esmaltes lócenos, entre outras, varias intérpretes da canción moi coñecidas.

 Obras realizadas

EXPOSICIÓNS INDIVIDUAIS
2003. Sala de exposicións da Xunta de Galicia. Lugo.
2004. 8ª Mostra de Arte San Froilán na Praza da Soidade. Lugo.
2004-2005. Sala Esmelgar. Arte Comunicación en Lugo.
2005. Galería ‘Foc Gallery’. Barcelona.

EXPOSICIÓNS COLECTIVAS
2003. Sala Almirante do Hotel Méndez Núñez. Lugo.
2004. Salón Internacional do Centro Cultural Jacques Prévert en Aixe-Sur-Vienne na rexión de Limousín (Francia).
2004. Sala de exposicións da Xunta de Galicia. Lugo.
2005. Museum Annex Ginza, Tokio (Xapón).
2005. Galería ‘Meno Nisa’, Vilnius (Lituania).
2005. Sala Almirante. Hotel Méndez Núñez. Lugo.
2006. Casa del Esmalte de Morez. Morez - Cedex (Francia).
2006. “Museo Real de Ueno”. Dirixido polo Principe Hitachinomiya. Tokio (Xapón).
2006. Galeria de arte Chardin. Tbilisi (Georgia).
2006. Sala Almirante. Hotel Méndez Núñez. Lugo.
2007. Torre Vella sede do Museo de Esmalte Contemporáneo. Salou (España).

 Outros datos de interese

En 2007 foi galardonado en Salou co prestixioso Premio “Trofeo C.I.D.A.E.”, convertíndose así no primeiro artista que consigue un premio de esmalte para a cidade de Lugo.