Estudiou en Lugo e A Coruña e licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén cursou algúns estudios de Filosofía e Letras. Exerceu a avogacía na Coruña colaborando co ilustre xurista, xa falecido, D. Sebastián Martínez-Risco y Macías. Ocupou unha das vicepresidencias da sección terceira do I Congreso de Dereito Galego, celebrado na Coruña en 1972 e interviu en varios actos públicos organizados no país galego para a divulgación das conclusións aprobadas en dito congreso. Eesde moi novo militou no galeguismo activo, presidindo a "Mocedade Galeguista" da Coruña e participou activamente na campaña plebiscitaria do Estatuto de Autonomía de Galicia. Colaborou en A Nosa Terra, Resol, La Tarde, Guieiro e en La Voz de Galicia. Foi socio fundador da Editorial Galaxia e presidente do seu consello de administración. Ademais pertenceu ó consello de administración da revista "Grial", na que colaborou con numerosos ensaios.
Marino Dónega recolleu nun libro varios ensaios e traballos literarios de Florentino L. Cuevillas baixo o título de Prosas galegas. Ademais, escribiu Escolma posible (antoloxía de textos de Castelao), Poesías. Escolma (antoloxía de poemas de Ramón Cabanillas) e os ensaios Un home, unha aventura, un tempo: Fernando Osorio de Campo; Descripción, metáfora e memoria en Castelao; O afora e o máis adentro de Luis Seoane; Os espellos de Fermín Penzol; Rafael Dieste ou a loita polo mínimo expresivo; Rosalía no Ano Internacional do Neno; Seoane. Grabados, por Domingo García-Sabell; Carta-Prólogo de Carlos Casares na súa biografía a Ramón Otero Pedrayo; Leria do Ánxel Fole nunha tertulia. Ademais, prologou a edición moderna de El Idioma Gallego de Antonio de la Iglesia.
Ingresou na Real Academia Galega, coa lectura do discurso Análisis de la novela de Castelao "Os dous de sempre", onde ostentou os cargos de tesoureiro e secretario. Pertenceu ós Padroados do Instituto da Lingua Galega, do Museo Emilia Pardo Bazán e á Fundación Ramón Otero Pedrayo. Foi tamén membro da Fundación Penzol e secretario do Padroado do Museo de Arte Galego Carlos Maside. En 1978, foi nomeado conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia. O 26 de xuño de 1994 recibiu o Premio Trasalva e foi membro honorario da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación.