María Vitoria Carballo-Calero Ramos


Categoría: Historiadora
Lugar de Nacemento: Ferrol (A Coruña)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Catedrática de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo despois de estudiar o bacharelato no Colexio Fingoi de Lugo e a carreira de Filosofía e Letras (Sección de Historia) na Universidade de Santiago, onde se doutorou cunha tese sobre a pintora lucense Julia Minguillón. A tese, publicada pola Fundación Barrié de la Maza, obtivo o premio “Tesis Doctorado, 1974”, da Deputación de Pontevedra. Decana da Facultade de Humanidades da Universidade de Vigo durante oito anos, na actualidade desempeña o cargo de Directora do departamento de Historia, Arte e Xeografía, da mesma Universidade. Ten participado en varios congresos nacionais e internacionais relacionados coa arte contemporánea, pronunciado conferencias en distintas Universidades e foros e colaborado na publicación de catálogos e revistas especializadas. Un dos seus últimos traballos foi a coordinación do libro Arte Fin de Siglo, que recolle os textos das leccións impartidas nos ciclos de conferencias sobre a materia que, organizados por ela, tiveron lugar en Ourense co patrocinio da Fundación Caixa Galicia.

 Obras realizadas

Unha vez rematada a carreira foi bolseira no Museo Provincial de Belas Artes de Lugo, levando a cabo a catalogación das obras que nel se atopan e que foi publicada pola Xunta do propio Museo nos libros Escultura contemporánea en el Museo de Lugo (1965), Catálogo de pintura (1969) e Catálogo de Escultura (1976). Outras obras da súa autoría son: Julia Minguillón, Fundación Barrié de la Maza, A Coruña (1981), La Ilustración en la revista “Nós”, Deputación Provincial de Ourense, 1983, Os Castealos de Ourense, Caixa Ourense (1ª ed., 1985; 2ª ed. 1989); Antonio Faílde, Deputación Provincial de Ourense, 1986; El Santuario de Nuestra Señora de las Ermitas (en colaboración con Antonio Bonet Correa e Miguel Ángel González García), Caixa Ourense (1ª ed., 1987; 2ª ed. Consellería de Cultura, Xunta de Galicia, 1996) e La arquitectura de una ciudad (Ourense, 1880-1936), en colaboración con Marcos Valcárcel e Javier Suances Pereiro, Concello de Ourense, 1995.

 Outros datos de interese

María Vitoria Carballo-Calero Ramos é vocal do CEHA (Comité Español de Historia da Arte), vocal dos Padroados do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) e da Fundación Otero Pedrayo e vocal da Comisión de Patrimonio de Ourense. Academia numeraria da Real Academia Galega de Belas Artes “Nosa Señora do Rosario” e académica correspondente das Reais Academias de Belas Artes “San Fernando”, de Madrid e “Santa Isabel de Hungría”, de Sevilla.