En 1970 obtivo a licenciatura en Medicina e Cirurxía pola Universidade Complutense de Madrid coa cualificación de Sobresaliente. Entre 1970 e 1975 conseguiu por concurso de méritos a praza de interno e residente na clínica “Puerta de Hierro” de Madrid (Universidade Autónoma de Madrid), sendo nomeado en 1975 médico adxunto de Medicina Interna. Entre 1975 e 1977 foi bolseiro nos Estados Unidos e completou a súa formación. Entre 1977 e 1984 foi xefe de sección do Hospital “Ramón y Cajal”, onde fundou a Unidade de Enfermidades Infecciosas no servicio de Microbioloxía. Actualmente é o xefe do servicio de Microbioloxía Clínica do Hospital Xeral “Gregorio Marañón” de Madrid e profesor titular de Microbioloxía Clínica na praza vinculada da Universidade Complutense de Madrid ó Hospital Xeral Universitario “Gregorio Marañón”.
É membro do consello de redacción de varias publicacións, como por exemplo: “Enfermedades Infecciosas y Microbiología Clínica”, “Revista de Farmacología Clínica y Experimental y Terapéutica, Inflamación y Dolor”, Revista Iberoamericana de micología, Revista Clínica Española, … Realizou tamén unha gran labor docente entre posgraduados, primeiro no Hospital “Ramón y Cajal” e posteriormente no “Gregorio Marañón”. Entre 1990 e 1999 dirixiu 23 teses de doutoramento.
Pertence á Sociedade Española de Medicina Interna, Sociedade Española de Microbioloxía, Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica, Sociedade Española de Quimioterapia, Sociedade Arxentina de Microbioloxía Clínica (socio honorario), Asociación Española de Micoloxía, American Society for Microbiology, etc. Entre 1987-93 foi director de “Enfermedades Infecciosas y Microbiología Clínica” (revista da SEIMC). En 1990 foi nomeado membro e secretario da Comisión Nacional da Especialidade de Microbioloxía e Parasitoloxía e, un ano máis tarde, foi elixido “Foreign Fellow Member (Infectious Disease Society of America)”. En 1994 fundou o Grupo de Estudio da SIDA (GESIDA) da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (GESIDA).En 1995 foi elixido membro do Comité Executivo da “European Society of Clinical Microbiology and Infectious Diseases”, na actualidade ocupa o cargo de Secretario Xeral desa entidade.. Entre os galardóns e premios que recibiu destaca o Premio de Investigación do Instituto Científico Roussel (1992) e o premio Manuel Moreno López da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica, outorgado polos seus compañeiros de sociedade a unha vida dedicada ás enfermidades infecciosas. Está casado con Carmen Burgaleta Alonso de Ozalla (1971) e ten 3 fillos. Entre as súas afecciones destacan a Historia de España, o ciclismo e o coleccionismo de estilográficas antigas.