Jesús Curros Neira


Data de Nacemento: 1964
Lugar de Nacemento: Santiago de Compostela (A Coruña)
 Currículum

Jesús Curros Neira naceu en Santiago de Compostela en 1964. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago e en Xeografía e Historia pola UNED, traballa dende 1989 como técnico xurídico no Concello de Santiago.

Afeccionado á escritura dende moi novo, durante o bacharelato recibiu dous premios literarios Minerva por relatos en prosa, un terceiro premio Minerva para poesía e un accésit nun concurso de ámbito galego de ensaios sobre a arte románica.

Posteriormente gaña un premio de relatos epistolares organizado por un medio de comunicación nacional.

En 2008 publica a súa primeira novela, La sombra del Anticristo (Entrelíneas, 2008). En 2012 aparece a súa segunda novela, El anónimo italiano (Edicións Oblicuas, 2011), finalista do III premio Novelia, e en 2014 o Concello de Santiago de Compostela

publica o breve ensaio Compostela, mil anos de literatura.

En 2016 publica o relato El día en que comezó a llover dentro dunha selección de contos da editorial Moleskin.

En xaneiro de 2017 recibe en Valencia o primeiro premio na décima edición do concurso Vieiragrino polo relato La leyenda del diablo que viajaba en autobús, publicado ese mesmo ano, no que o seu relato Noviembre en Petersburgo queda finalista do XV Concurso Nacional de Relato Curto Caños Dourados, organizado polo Concello de Fernán Núñez (Córdoba) e a Asociación Cultural Caños Dourados, que publica na súa revista o relato. Tamén en 2017 Apeirón Edicións publica a súa terceira novela, Vida de funcionario e o ensaio La evolución urbana de Santiago de Compostela, publicado polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España co patrocinio do Ministerio de Cultura.

En 2018 publícase o seu relato La isla de hierro, premiado na XXII edición do certame literario “Santoña… la mar” celebrado o ano anterior en esta localidade cántabra. Tamén en 2018 tres relatos seus, Desde un autobús, A las dos en punto de la tarde e Carretera a ninguna parte son premiados no XIII Concurso de Relatos de Viaxe da editorial Moleskin, que os publica en outubro dese ano.

En xuño de 2019 gana o 10º Premio Internacional de Novela “Alcorcón Siglo XXI” coa novela Hubo un tiempo mágico y distante, publicada pola organización do premio ese mesmo ano.

No ano 2020 gana o primeiro premio do concurso de relatos curtos sobre o Camiño de Santiago organizado pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Navarra co relato La carta del arzobispo, publicado ese ano na revista Estafeta Jacobea. En novembro de 2020 obtén o Primeiro Premio de Ensaio “Camiño de Santiago” organizado pola Academia Xacobea de Galicia coa obra Escenas, imágenes y sonidos del Camino, cuxa versión en galego é publicada en marzo de 2021 pola editorial Galaxia e en castelán polo selo editorial Mar Maior.

Igualmente, a comezos de 2021 o relato El pintor de Borgoña recibe o segundo premio no II concurso de relato curto Armando Palacio Valdés, publicado en 2024 pola entidade organizadora do concurso. Este ano 2021 tamén é finalista nos Premios Literarios Constantí co relato Carta desde Florencia, publicado na primavera de 2022 nun libro recompilatorio.

En 2024 gana o XXIX Certame Literario do Concello de Paradela “Mención Especial do Camiño de Santiago” co relato en galego O camiño esquecido, recollido no volume do certame que o Concello de Paradela publica en decembro de 2024.

En 2025 a editorial Ludica Libros publica a súa, polo momento, última obra: a novela histórica La dama y la Cruzada.