María Montserrat Fajardo Pérez


Categoría: Xornalista e escritora
Data de Nacemento: 27 de abril de 1973
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

Facebook
 Currículum

É licenciada en Ciencias Políticas e da Administración e ten un máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas, pero a súa traxectoria profesional sempre estivo vinculada ao xornalismo.

Traballou en O Salnés Siradella, Radio Ames, Diario de Arousa e Faro de Vigo e é colaboradora habitual de faladoiros radiofónicos. Tamén realiza colaboracións puntuais para Nós Diario, A Nova Peneira e Público.

Na actualidade forma parte do equipo redactor do programa A memoria das mulleres, promovido pola Concellaría de Patrimonio do Concello de Pontevedra. No seu marco participou no libro Do gris ao violeta. Achega á historia das mulleres pontevedresas co texto, As que quedaron, no que analiza a repercusión da represión franquista sobre as familias afectadas. Nesa liña imparte en centros educativos e asociacións culturais galegas a charla A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36.

En solitario é a autora dos libros Matriarcas. Mulleres en pé de vida (2012), Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu (2015), Invisibles. Relatos do maltrato (2017), O escalón de Ulises. A Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros (2018) e A vida incerta, biografía de Virxinia Pereira (setembro, 2020).

Ademais, foi a comisaria da exposición itinerante Rexas, mulleres baixo o terror franquista, posta en marcha pola Deputación de Pontevedra en 2017 e a coordinadora das Xornadas contra a impunidade que este mesmo organismo puxo en marcha en 2019 e 2020.

En 2018 foi galardonada co II premio de Xornalismo Lueiro Rey polo seu artigo “O universo de Carlos” protagonizado por un neno con autismo.