É doutora en Ciencias Económicas e Empresariais e profesora titular do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Entre os cargos que ocupou na Universidade de Santiago de Compostela destacan: Directora do Centro de Documentación Europea (1990-1994), directora do Grupo de Investigación de Economía Pesqueira e directora do Curso de Posgrao "Especialización en Economía Pesqueira".
É membro do Grupo de Investigación dirixido pola profesora Rita Radl Philipp, que leva a cabo os proxectos: "Muller e cambio social en Galicia", 1990-1993, financiado pola USC; "Análisis Sociológico de la Imagen de la Mujer en la Televisión", 1993 e "Análisis Sociológico de la Integración de la Mujer Gallega en el Momento Actual. Dos ámbitos: Educativo y Familiar", 1995. As grandes liñas de investigación nas que traballa son: "Economía de Galicia", "Economía Pesqueira", "Estudios de xénero, enerxía, recursos naturais e medio ambiente". É membro do relatorio de pesca do proxecto de investigación "Galicia 2000" dirixido por Gómez y Díaz-Castroverde, Santiago de Compostela, 2000. Entre os traballos dirixidos podemos destacar: Censo das industrias de primeira transformación pesqueira. Comercialización da pesca no mercado único. Estudio económico-empresarial (1992); o proxecto Análisis económico de las industrias de conservas y semiconservas de pescados y mariscos españolas. Situación actual, 1996-97; Taboas Input-Output 1995 do sector pesqueiro galego-conserva; Informe da avaliación económica dos danos producidos pola marea negra do "Aegen Sea" (1994-99); Táboa Input-Output pesca-conserva galega 1999 (2000-2001) e Táboas Input-Output 2000 (en termos físicos) da enerxía en Galicia.
É membro fundador do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e membro dos seus dous primeiros consellos nacionais. Figurou nas listas en distintas campañas desta organización política, así como na elaboración de propostas e programas.