Licenciouse en CC. Económicas na Universidade de Bilbao (1970) e doutorouse na universidade de Santiago de Compostela (1975). Foi profesora en dita universidade desde 1970 e catedrática de Econometría desde 1987. No período 1997-2007 dirixiu o Máster de Economía Sectorial Internacional no que participaron numerosos estudantes de América Latina, de varios países europeos e doutras procedencias (Xapón, China, India, Estados Unidos e Norte de África).
É directora do equipo de investigación de Econometría da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela. Publicou máis de 120 traballos de investigación económica aplicada, moitos deles dispoñibles de forma gratuíta na Web do equipo de Econometría da USC e na base internacional de investigacións económicas Ideas-Repec, na que destaca entre os 25 investigadores económicos máis lidos, entre un conxunto de máis de 13000 investigadores de tódalas universidades e institucións do mundo, e o equipo que dirixe está situado entre os 100 máis importantes, entre máis de 10000 centros de investigación económica. Entre os seus libros, artigos e informes en español destacan os dedicados á economía rexional e sectorial da Unión Europea, educación e desenvolvemento en América Latina e estudos comparativos de España, Europa e países da OCDE. As súas investigacións en inglés están especialmente dedicadas ó desenvolvemento económico internacional, con referencia á India, China, África e outras áreas. Algúns dos seus artigos foron seleccionados e incluídos en varios libros da universidade ICFAI de Hyderabad, India, que é unha importante editorial de estudos económicos internacionais, así como pola universidade Tufts de Estados Unidos para a publicación dun CD-Rom de traballos seleccionados sobre desenvolvemento económico mundial.
É membro do Grupo Hispalink de predicións económicas rexionais das universidades españolas, directora e membro do consello científico de varias revistas de investigación económica españolas e internacionais. Colaborou en varios proxectos de investigación sobre a economía galega financiados pola Xunta de Galicia. Foi concelleira do Concello de Santiago de Compostela, membro do Consello Universitario de Galicia a proposta do Parlamento Galego e membro da Xunta de Goberno da Universidade, en representación dos directores de Departamento.