Manuel Suárez-Pumariega Molezún


Pseudónimo:Manuel Molezún
Categoría: Médico, atleta e pintor
Data de Nacemento: En 1920 (†31 de xaneiro de 2001)
Lugar de Nacemento: A Coruña
 Currículum

Foi un home versátil que brillou en cantas actividades tomou parte. Foi considerado un dos máximos representantes da pintura de abstracción xeométrica e un dos artistas galegos contemporáneos de máis sólida reputación internacional. Na súa xuventude foi un destacado deportista. Compaxinou os seus estudios de Medicina coa práctica do atletismo, na disciplina de 110 metros valados. Finalizados os estudios, comezou a exerce-la Medicina, o que fixo ata o ano 1955, aínda que a súa vocación pictórica fixo que a fose abandonando paulatinamente para dedicarse á arte, á que consagrou os últimos anos da súa vida. Nos seus inicios foi un pintor figurativo. Foi profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid desde 1980.

 Obras realizadas

As súas marcas nos 110 metros valados levárono a representar a España nos Xogos Olímpicos de Londres en 1948, onde logrou ser terceiro na súa serie. Converteuse así no primeiro atleta coruñés e un dos primeiros galegos que tomou parte nunhas olimpíadas. Chegou a estar en posesión da mellor marca absoluta de 110 metros valados, aínda que tamén se exercitou nas especialidades de salto de altura e de lonxitude, gañando varios campionatos de España. No campo da pintura, a súa obra gozou antes do recoñecemento fóra das nosas fronteiras que na súa terra, na que non adoitaba expoñer. Unha mostra antolóxica no Centro Cultural de Caixa Vigo en 1992 e unha gran retrospectiva catro anos despois no Kiosko Alfonso da Coruña fixéronlle ó final xustiza. En Madrid, expuxo habitualmente na galería de Juana Mordó como expoñente da pintura plástica, aínda que na súa última etapa a súa obra evolucionou cara a unha tímida figuración vinculada ós epígonos do cubismo. Interveu na organización de grandes exposicións e a súa obra é coñecida en Europa e América. A súa obra está presente na colección da Fundación Unión Fenosa, no Centro Galego de Arte Contemporáneo, no Museo de Arte Abstracto de Cuenca, no Centro de Arte Raína Sofía de Madrid e noutros museos españois, europeos e americanos.

 Outros datos de interese

Traballou con Amadeo Gabino, do que fora gran amigo, e a súa proximidade ós arquitectos Vázquez Molezún e Corrales levouno a familiarizarse co vigor das formas arquitectónicas, que trasladou en 1980 á súa pintura a base de grandes planos de sobrio cromatismo. En colaboración con eles, conseguiu o gran premio da décima edición da trienal de Milán (1954). Foi medalla de ouro (sección de vidreiras) na Bienal de Salzburgo en 1956, e, con anterioridade, fora bolseiro en Roma (1950) e dous anos máis tarde en París. Obtivo o primeiro premio na Bienal de Unión Fenosa. Casado coa holandesa Joos Peerebon, tivo dous fillos.