Bacharelato elemental por libre e bacharelato Superior en Instituto Masculino de Lugo. Licenciado e graduado en Ciencias Económicas na primeira promoción (1967-72). Profesor de Economía Aplicada desde 1973, departamento no que imparte sucesivamente as materias Estructura Económica Mundial, Espacios Económicos, Estructura Económica de Galicia, Sistema Económico Mundial e Español e Empresa Pública e Regulación Económica.
Compaxina a súa actividade académica coa política. Deste xeito, en 1972 afíliase ó PSG onde desempeña o cargo de responsable das Mocidades e máis tarde do Frente do ensino. En 1977 forma parte da candidatura do PSG por Lugo ó Parlamento español nas que foran as primeiras eleccións democráticas. En 1978 abandona o PSG para ingresar no PSdeG-PSOE, formando parte do Colectivo Socialista Galego. Un ano máis tarde é nomeado secretario de Relacións Políticas da formación, e de 1980 a 1982 desempeña o cargo de vicesecretario xeral do partido, participando activamente nas negociacións para a elaboración e, nunha etapa posterior, reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia.
En 1981 encabeza a lista socialista ó primeiro Parlamento galego pola provincia de Lugo, sendo o portavoz parlamentario nesa lexislatura, unha tarefa, a de parlamentario, que continuará na seguinte lexislatura 1985-89, na que é elixido Presidente da Comisión de Economía do Parlamento. Nas seguintes dúas lexislaturas (1989-93 e 1993-97) Ceferino Díaz é parlamentario galego pola provincia da Coruña sendo de novo elixido presidente da Comisión de Economía. Finalmente, foi deputado no Parlamento español pola provincia da Coruña e Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Compostela.
A súa faceta investigadora centrouse no ámbito da economía de Galicia, no que publicou numerosos traballos fundamentalmente no eido da economía agraria.
Publicacións:
-Agricultura e Capitalismo en Galicia (en Revista Galega de Estudios Agrarios nº1).
-Problemas estructurais na integración da agricultura galega na CEE (en Revista Galega de Estudios Agrarios, nº4).
-Os presupostos autonómicos (Cadernos de Economía do Seminario de Estudios Galegos).
-Galicia na CEE (Revista Encrucillada).
-A Autopista do Atlántico (Galaxia-colectiva).
Ademais de publicar artigos en prensa e revistas de divulgación sobre temas económicos e políticos, impartiu numerosas conferencias e participou en seminarios.