Ingresou na carreira xudicial en 1953, desempeñando diversos destinos que culminan co seu nomeamento como vocal do Consello Xeral de Poder Xudicial, cargo que desempeñou ata a súa xubilación. Como experto en Dereito Galego, e dun modo especial en montes veciñais en man común, a súa pegada quedou recoñecida en diversas disposicións lexislativas. É membro fundador do Instituto Español de Dereito Foral, fundador e numerario do Seminario de Estudios Galegos, vicepresidente do Consello da Cultura Galega, membro da Comisión Superior para o Estudio e Desenvolvemento do Dereito Galego da Xunta de Galicia, membro da Comisión non Permanente de Dereito Civil Galego constituída no Parlamento de Galicia, membro do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, académico de honor da Real de Xurisprudencia e Lexislación de España, das de Valencia, Granada e Argentina e presidente da Asociación Galega de Arbitraxe. Nomeado numerario da Galega de Xurisprudencia e Lexislación, foi elixido presidente en 1990, cargo que segue desempeñando. Actualmente desempeña o cargo de presidente do Consello Consultivo de Galicia.
Autor de numerosas publicacións, pronunciou diversas conferencias sobre Dereito Galego e en 2002 organizou o III Congreso de Dereito Galego.
Está en posesión das seguintes condecoracións: Cruz distinguida de San Raimundo de Peñafort, Comendador da Orde do Mérito Agrícola, Medalla Castelao da Xunta de Galicia, encomenda con placa da Orde de Alfonso X O Sabio. Por Real Decreto 180/1996, de 2 de febreiro, concedéronlle a Gran Cruz da Orde de San Raimundo de Peñafort.