Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Salamanca, obtivo tamén a diplomatura en Sanidade pola Escola Nacional de Sanidade en 1970. Posteriormente, traballou como médica contratada do Hospital Provincial e Clínico da Facultade de Medicina da Universidade de Salamanca desde febreiro de 1970 a outubro de 1971 e médica adxunta do mesmo hospital desde outubro de 1971 a outubro de 1975. En xuño de 1972 obtivo o título de Especialista en Anestesioloxía, expedido polo Ministerio de Educación e Ciencia. Ademais, traballou como profesora axudante de Clases Prácticas con dedicación exclusiva do Departamento de Anestesioloxía e Reanimación na Facultade de Medicina da Universidade de Salamanca (outubro de 1972 – outubro de 1975), médica adxunta do Hospital Clínico Universitario de Salamanca (novembro de 1975 – decembro de 1976), profesora axudante de Clases Prácticas sen dedicación (novembro de 1975 – outubro de 1976), médica adxunta da Residencia da Seguridade Social ‘H.H. Hermanos Pedrosa Posada’ de Lugo (xaneiro de 1977 a decembro de 1977) e xefa de sección no Servizo de Anestesioloxía e Reanimación da mesma Residencia. En 1978 doutorouse en Medicina e Cirurxía pola Facultade de Medicina da Universidade de Salamanca coa tese ‘Interés del Ro 5-4.200 en Anestesiología’. En setembro de 2004 foi nomeada Xefa de Servizo en Funcións. Ademais, foi profesora no curso ‘Especialidades Médicas del programa de Doctoramento: Medicina Clínica’ durante os bienios 1999-2001 e 2000-2002. É vicepresidenta da Sociedade Galega de Anestesia, Reanimación e Terapéutica da Dor (AGARYD).
É autora das seguintes publicacións: ‘Posibilidades de una nueva técnica anestésica. La asociación clorhidrato ketamina-bromuro de pancuronium’, Actas do V Congreso Hispano-Luso de Anestesioloxía e Reanimación e ‘Posibilidades e Interés del Ro 5-4.200 en la Anestesiología’ (1978).
Ademais de participar en múltiples cursos, reunións, congresos e simposios, realizou os seguintes cursos monográficos do doutorado: ‘Historia de la Medicina Española’ (xuño de 1971), ‘El Cáncer en Otorrinolaringología’ (xuño de 1971), ‘Cirugía Cardíaca’ (xuño de 1971), ‘Patología Farmacológica’ (setembro de 1971) e ‘Anestesiología y Reanimación’ (xuño de 1972).
É membro numerario da Sociedade Española de Anestesioloxía e Reanimación desde 1972, da ‘Association Internationale des Anesthesistesreanimateurs dexpression francaise’ desde 1977, da Sociedade Galega de Anestesioloxía e Reanimación desde 1977 e da Academia Médico-Cirúrxica de Lugo.