Desde 1948 residiu en Ávila e estudiou bacharelato no colexio Purísima Concepción das Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl – Las Nieves. Cursou a carreira de Maxisterio na Escola Normal Santa Teresa. Estudiou Xornalismo na Escola Oficial de Xornalismo de Madrid e é diplomada en galego pola Escola Oficial de Idiomas da Coruña. En 1961 aprobou a oposición e realizou un curso en San Bartolomé de Pinares. Excedente, pertence ó cadro de persoal de RADIO LUGO desde 1962. Foi a primeira presentadora dos “40 Principais” e presentou tamén outros programas como “Los Superventas” e “Hora Punta”. Pasou por varios servicios informativos e programas culturais. Do equipo “Galicia sempre”, fixo o primeiro programa integramente en lingua galega a principios dos anos 70 xunto con Lois Diéguez, Margarita Ledo Andión, Eliseo Miguélez, Carlos Varela Veiga... Creou o magazine “Mexunxe” en 1985 e presentouno ata 1993. Foi a responsable de dous cursos de iniciación á lingua galega e un de perfeccionamento para radio. Durante tres anos consecutivos presentou na Cadena SER de Galicia programas dedicados ás letras galegas. Crea e presenta o programa “Club de opinión” desde 1991. Promove a revista de radio alternativa “O Badulaque” en lingua galega, dirixido e presentado por Grial Parga, que por primeira vez se emite na radio de Lugo vía Internet. Xunto con Jesús García Calderón e Jorge de Vivero, creou e presentou o programa semanal dos anos 1997-98-99-00 “Libros, música y otras hierbas”. De 1994 a 1995 presentou o programa “Lucenses”, unha serie de quince entrevistas para TV Lugo.
En 1994 dirixiu o curso de lingua galega “A palabra herdada” (libro e 6 CDs). Ademais, é a autora de catro audiolibros dedicados a Rafael Dieste (Do arquivo á fiestra, 1995), Xesús Ferro Couselo (Xesús Ferro Couselo: un devanceiro, 1996), Ánxel Fole (Ánxel Fole ¡Sí señor!, 1997) e ós poetas medievais da ría de Vigo (Ondas do mar de amigo, 1999), en editorial Citania.
En 1993 recibiu o premio Galicia de Comunicación para medios radiofónicos. En 1962 recibiu o primeiro premio para actriz no Primeiro Certame de Teatro Xuvenil do Duero (Zamora). É vicepresidente do Club Cultural Valle-Inclán e é vocal da directiva da Sociedade Filharmónica de Lugo.