Nacido en Ferrol, está empadroado en Valdoviño desde o ano 2000. "Teño o pensamento en Ferrol e o corazón en Valdoviño" afirma.
Realizou estudos de Arquitectura Técnica e de Deseño Industrial e de Interiores na Universidade da Coruña.
De vocación autodidacta, pinta desde pequeno co convencemento de que a pintura é unha forma máxica de expresar o sentir social.
Cre na simplicidade da pintura, con recursos e materiais sinxelos, porque con eses materiais é como se demostra realmente a valía do pintor para transmitir dunha forma sinxela o que pretende.
Os seus cadros pretenden ser historias. Ás veces nacen directamente de soños, que logo analiza desde a impresión que lle causaron, ás veces encontrando na realidade coincidencias máis que indicativas do poder do noso subconsciente. Outras veces son ditados ou necesidades que nacen polo día, por temas que máis ou menos lle poden inquietar, por distintos motivos: científicos, emotivos, etc. Cre este artista que un bo cadro é aquel que transmite o mellor posible unha idea ou sensación. Para iso é fundamental amar a pintura tanto como á mesma vida. Ás veces basta só co título do cadro para facerse unha idea do tema. Outras veces necesita escribir, ademais do título "curto", outro "título longo", que pode ser unha cousa similar a unha poesía, e pode ir acompañada de textos explicativos ou referencias, xa que para el a pintura debe ensinar, debe aportar algo intelectualmente ou espiritualmente, pero sexa o tema que sexa, como punto de partida sempre debe ter o amor á vida.
Ven realizando exposicións individuais e colectivas desde o ano 1998, sobre todo entre Ferrol e A Coruña.