Luz María Darriba Magadán


Pseudónimo:Luz Darriba
Categoría: Pintora
Data de Nacemento: 12 de abril de 1954
Lugar de Nacemento: Montevideo
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

Opinión

   Cultura
 Currículum

Cursou estudios en Bos Aires na Escola de Belas Artes "Manuel Belgrano", na Superior de Belas Artes "Prilidiano Pueyrredón" e "Ernesto de la Cárcova". É licenciada en Artes Visuais pola Universidade de Bos Aires. Entre 1977 e a actualidade realizou máis de 250 exposicións colectivas e máis de 50 exposicións e intervencións urbanas en Arxentina, Uruguai, Brasil, España, Alemaña, Estados Unidos, Italia, Francia, Portugal, Xapón, Venezuela, Malasia, etc. Recibiu máis de 50 distincións internacionais polo seu traballo.

 Obras realizadas

É nai de tres fillas: Micaela, Aymará e Ticiana.

Participa en conferencias, seminarios e congresos de arte contemporánea (como relator). Organiza exposicións internacionais traballando como ponte entre culturas entre España e Iberoamérica, forma parte do xurado en diferentes certames internacionais, presenta exposicións de catálogos doutros artistas, investiga sobre crítica e teoría na arte contemporánea, preside a Fundación cultural CUMULUM, creada en 2000, é xestora e activista cultural. Desde o ano 2000, está a realizar macro intervencións urbanas con gran implicación da sociedade civil, relacionadas coa posta en valor dos libros e os dereitos das mulleres. Entre elas: Cumulum (2000), muralla de libros, intervención con máis de medio millón de volumes, nas murallas romanas de  Lugo; Alcalá, unha Porta á Cultura (2001), intervención con oitenta mil libros da Porta de Alcalá de Madrid co patrocinio da UNESCO; Livres avec des libres (2000), intervención con miles de libros das paredes e teitos da Maison da UNESCO en París; Banco de Libros, Feira de Arte de Madrid (2001); LIBing ROOM (2005), casa de Libros, Ano do Libro e a Lectura en Cataluña, Palau Moja; Bibliotecas de Babel (2006), barricadas de libros, Homenaxe a Borges, Lugo; Follas Novas (2007), homenaxe a Rosalía de Castro con poemas de poetas galegas nas árbores da Praza Maior de Lugo (Encontro Palabras de Mulleres); LibroLIBRE (2008) co artista sonoro José Lemur, libro de grandes dimensións sobre a historia das mulleres e a educación, Museo Pedagóxico de Galicia, Santiago de Compostela; AgoraLibros (2010), os libros nas prazas, intervención das principais prazas de Lugo, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Ourense con tapices realizados con miles de libros, Ano do Libro e a Lectura en Galicia; Follas Novas en Bos Aires (2010); Biblioteca Nacional Arxentina, homenaxe a Rosalía e a Luis Seoane.

Algunhas das accións de xénero: Patchwork (2004), farrapos pola non violencia cara ás mulleres, alfombra de 8000 metros cuadrados construída por miles de persoas, Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela; As mulleres tomamos as rúas (2005), cambio de nomes de todas as rúas do casco histórico de Lugo por nomes de mulleres esquecidas ou descoñecidas da historia; Guante negro, guante blanco (2005), trinta mil pares de luvas negras e brancas contra a violencia física e simbólica do xénero, Lugo; Señales (2006), con Micaela Fernández Darriba, intervención de todos os semáforos urbanos da Ronda da Muralla de Lugo con iconas femininas; Palabras Máis (2006), crucigrama xigante con palabras antídoto fronte á violencia, construído por máis de dous mil estudantes de ensinanza media de Galicia cos seus propios corpos; Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela; Arakne (2007) rede pola igualdade, intervención dos cubos e terrazas do Kursaal de San Sebastián cunha rede de tela de araña xigante tecida por centos de persoas en Galicia e Euskadi no marco do Festival Donostia entre Mundos; Cuestión de género (2008), intervención con centos de prendas femininas para denunciar a trata e tráfico de mulleres e nenas, Praza de Maio, Bos Aires; Nonetrivial (2008), un xogo que non é un xogo, xogo urbano con preguntas sobre a historia das mulleres; ¿Vos sos caníbal?, levado a cabo nas rúas do microcentro de Bos Aires polo grupo de activistas Desobediencia y Felicidad, sobre a explotación sexual das mulleres (2008); Cortar por lo sano, acción levada a cabo por Micaela Fernández Darriba, Marina Gutiérrez, Mariaconcetta Patti e moitos voluntarios e voluntarias, propoñendo medidas para acabar coa violencia cara ás mulleres (2008), Rosario, Posadas (Arxentina), La Providencia (Chile); Sare (2009), tecendo redes de igualdade, rede tecida integramente a man por voluntarios/as de Galicia e Euskadi, colgada no Palacio Europa de Vitoria, no marco do XVII Congreso de Estudos Vascos: Señales (2009), intervención de 200 semáforos do microcentro de Bos Aires con iconas femininos, entre outras. Tamén creou Laberinto (2007), co artista sonoro Jose Lemur, instalación urbana sobre as sensacións, indagando no tema das discapacidades.

 Outros datos de interese

Recibiu moitos premios e bolsas internacionais, entre os que destacan: Gran Premio Fondo Nacional das Artes (Bos Aires, 1983); Premio ó mellor artista estranxeiro no LXXV Salón Nacional de Artes Plásticas (Bos Aires, 1986); Premio Rotary Club LXI Salón Anual de Santa Fe; 1º Certame Internacional de Gravado (Museo de Ourense, 1992); bolsa de creación artística Xunta de Galicia (1993); bolsa Atelier "Ivonne Jean Haffen", (Francia, 1994); 1º premio Citta d'Avelino (Italia, 1996); 3º Premio Academia Internazionale d'Arte Moderna (Roma, 1998), Premio Plasticalatina (París, 1999), Lucenses do Ano, A voz do ano, Encontros entre mulleres, Premio Extraordinario Muralla de Lugo, etc. Obtivo un record Guinness por Cumulum e é delegada de The Feminist Art Project para España e Iberoamérica. A súa obra Cumulum, muralla de libros (realizada coa colaboración de miles de cidadáns e cidadanas) foi unha das plataformas máis importantes para que a UNESCO, declarara á muralla de Lugo como patrimonio da Humanidade; a súa obra Señales tivo moitas réplicas (A Coruña, Fuenlabrada, Jaén, Zaragoza) e constitúe un punto de partida para o cuestionamento acerca da señalética vial establecida por defecto como masculina. En 2012 obtivo o 1º premio no certame "Ánxel Fole de relato", convocado polo Concello de Lugo. Ese mesmo ano, recibiu un premio co gallo do "Día das Letras galegas", no Centro Cultural Galego de Frankfurt, por "Mulleres na ventá". Tamén en 2012 foi galardoada co terceiro premio do II Certame Literario de Narrativa Breve organizado pola Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina coa temática de “Galicia meiga”, polo seu traballo “Casca amarga”.

Recibiu en 2018 o Premio da Cultura Galega en Artes Plásticas.