Luciano Pérez Díaz


Categoría: Luthier
Data de Nacemento: 19 de Novembro de 1960
Lugar de Nacemento: Barbadelo - Sarria (Lugo)
 Currículum

Ós 13 anos alterna os seus estudios coa aprendizaxe da construcción de instrumentos musicais a carón do seu avó Paulino Pérez. Sen abandonar esta actividade estudia no conservatorio de Lugo cos profesores Antón Corral, Christian Rault e Claude Flagel. As súas inquedanzas involúcrano en distintas actividades musicais con Miro Casavella e co grupo Doa, tamén foi director da Escola de Gaitas e Zanfonas da Deputación de Lugo e en 1994 creou xunto a Xavier Rodríguez Barrio o proxecto "O son da poesía". Toda a súa vida profesional desenvólvese no obradoiro da Deputación de Lugo, que serviu de rampa de lanzamento a un considerable número de artesáns, e no que levou a cabo numerosos e importantes proxectos multidisciplinares, entre os que cabe destacar o de "Investigación de reconstrucción de instrumentos de corda medievais" ou o deseño da zanfona "Midi-clocks" para o compositor Javier Arias Val, traballando naqueles terreos menos atendidos, caracterizados pola necesidade de grandes inversións de tempo, como a recuperación de instrumentos caídos en desuso ou o desenvolvemento de modelos tradicionais. Colaborou en diversos proxectos de fundacións, asociacións culturais e centros de ensino. Participa en congresos, exposicións e seminarios relacionados coa recuperación, estudio e conservación do patrimonio musical e ten impartido cursos a diferentes colectivos de artesáns, profesores e estudiantes. Realizou o estudio e reconstrucción de sete instrumentos musicais, de acordo ós debuxos de Leonardo da Vinci para a exposición "Leonardo y la Música". Na actualidade dirixe o Obradoiro e Arquivo de documentación musical do Centro de Artesanía e Deseño (Deputación de Lugo) que consta de obradoiro, exposición permanente, biblioteca, fonoteca e banco de imaxe.