Lourenzo Fernández Prieto


Categoría: Catedrático de Historia Contemporánea
Data de Nacemento: En 1961
Lugar de Nacemento: Vilagüiz, A Devesa, Ribadeo (Lugo)
 Currículum

Foi director do Departamento de Hª Contemporánea e de América (1997-2005) e Secretario do IDEGA entre 1992 e 1995 e pertence ao seu Consello Científico.
En distintos mandatos foi varias veces membro da Xunta de Goberno e do Claustro da USC. Foi membro do Consello Universitario de Galicia (actualmente Consello de Universidades de Galicia) dende 1998 ata o 2006.
Actualmente, dende xuño de 2006, é vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela.
Traxectoria académica: Bolseiro de F.P.I (1984), Axudante de Universidade (1988), Doutor en Historia (1990) e Profesor Titular dende (1993).
Doutorado en Santiago cunha tese sobre a innovación tecnolóxica na agricultura galega contemporánea, completou a súa formación con estadías no Institute of Historical Research da Universidade de Londres e noutras universidades e centros de investigación, a máis recente no Department of Geography do University College Cork.

 Obras realizadas

Investigación e publicacións:
Especializado en Historia Agraria e Historia do século XX, traballa principalmente sobre o cambio tecnolóxico e os cambios na sociedade rural contemporánea. Ten publicado máis de 75 traballos científicos, entre outras nas seguintes revistas: Historia Social, Recerques, Historia Agraria, Studia Historica, Ayer, Revista de Occidente, Grial...
Autor e editor de 10 libros, entre outros: “Labregos con ciencia”. Vigo (1992), “La sociedad rural en la España contemporánea”. Santiago (1996”, “Poder local, élites e cambio social na Galicia non urbana”, Santiago (1997”, “Terra e Progeso. Historia Agraria da Galicia Contemporánea”, Vigo (2000). Coautor de “El Pozo de todos los males. Sobre el atraso agrario en la España contemporánea”, Barcelona, Ed. Crítica (2001).
Investigador principal en catro proxectos de investigación, e varios contratos e convenios de investigación, participou tamén na equipa de dous proxectos europeos e foi coorganizador de varios congresos científicos. Na súa liña de traballo sobre a sociedade do século XX coordina dende 2006 o Proxecto de Investigación interuniversitario “Os nomes, as voces...” sobre a represión na Galicia da guerra e o franquismo.

 Outros datos de interese

Forma parte dende 1995 do General Board da rede europea ESTER (European School for Training in Economic and Social Historical Resarch), para a formación de estudantes de terceiro ciclo. Actualmente é Vicepresidente da Sociedade Española de Historia Agraria e formou parte do Consello Editorial da Revista de Historia Agraria durante dez anos.
Foi premio extraordinario de licenciatura e de doutoramento e premio Lousada Diéguez e da Crítica de Galicia, nos apartados de Investigación, en 1993.