Juan Naya Pérez


Categoría: Escritor, xornalista e académico.
Data de Nacemento: 23 febreiro 1914 (†1 febreiro 1993)
Lugar de Nacemento: A Coruña
 Currículum

Figura especial no campo da investigación e da crítica, xornalista e escritor, soubo situarse nos primeiros lugares de referencia no mundo da cultura galega. Desde neno traballou na biblioteca da Real Academia Galega. Foi un home que naceu e medrou entre libros e rodeado de cultura.  Esta víñalle, en grande medida, do que se pode considerar o seu pai cultural, César Vaamonde Lores (Historiador e arquiveiro-bibliotecario da R.A.G) de quen adquiriu unha ampla formación humanística, instruíndoo no coñecemento das máis diversas ciencias históricas: paleografía, epigrafía, heráldica, numismática... converténdose de discípulo en colaborador seu. Foi académico correspondente e arquiveiro-bibliotecario da Real Academia Galega (1946-1993), cronista oficial da Coruña (1961-1993), académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario (1968) e secretario xeral (1976-1993), e xefe de sección do xornal “La Voz de Galicia”.

 Obras realizadas

Juan Naya pronunciou conferencias sobre diversos aspectos da arte, a cultura e a historia de Galicia, e, ademais dos seus numerosos artigos xornalísticos, publicou: “Murguía y su obra poética” (A Coruña, 1950); “Inéditos de Rosalía de Castro” (Vigo, 1953); “Una obra desconocida del arquitecto Domingo Luis Monteagudo. El palacio del marqués de Viance en Bóveda” (A Coruña, 1957); “Antología y poemas de Rosalía de Castro” (Porto, 1958); “El Traje” (Colección Cuadernos del Arte Gallego, Vigo 1964); “Noticia histórica de las galerías coruñesas y relación de arquitectos de La Coruña desde que se créo el cargo hasta el presente” (A Coruña, 1965);  “Relación de los alcaldes propietarios de La Coruña desde 1840 hasta el presente” (A Coruña 1965); “Testimonios de una orientación artística. Cartas cruzadas entre Ovidio Murguía y su padre” (A Coruña, 1968); “Dos misivas de Valle-Inclán a Murguía” (1970); “Los poetas gallegos y Curros Enríquez” (A Coruña, 1970); “Recordando al Maestro. La arquitectura civil de La Coruña” (1970); “Calles y plazas coruñesa” (A Coruña, 1970 e 1975, dous tomos); “El final de una estirpe: Rosalía de Castro y Manuel Murguía” (A Coruña, 1974);  “Historia de La Coruña, representada en las tallas del salón capitular del Palacio municipal” (A Coruña, 1975); “Resumen de la historia de La Coruña” (1981); “Estudios acerca de la familia Murguía-Castro” (A Coruña, 1999)…

 Outros datos de interese

Membro de número do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses; membro correspondente da Academia da Historia de San Fernando; membro da Asociación Internacional para el Progreso de la Cultura (Roma); membro do Padroado do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña; conselleiro asesor do Padroado Rosalía de Castro; socio efectivo da Sociedade Martíns Sarmento de Guimaraes (Portugal); director do Museo Emilia Pardo Bazán; vicepresidente da Asociación Cultural Ibero Americana da Coruña; vicepresidente da Asociación da Prensa da Coruña; representante en Galicia e no Estado do Centro Galego de Bos Aires; presidente de mérito do Centro Galego de Madrid; socio de honra do Centro Coruñés de Montevideo; presidente titular e presidente de honra da Coral Polifónica “Follas Novas”; bibliotecario e socio de mérito da Reunión de Artesáns; director do Boletín de Información Municipal do Concello da Coruña…