Pertencente a unha familia acomodada, xa de novo deu claras mostras das súas inquietudes artísticas. Tras comeza-lo bacharelato, abandonou estes estudios para dedicarse de cheo á súa verdadeira paixón: a pintura. En 1873 foise a Madrid a estudiar nunha famosa academia coa axuda dos cartos que lle enviaba seu irmán desde Cuba. En 1875 Manuel Ángel tamén se trasladou a aquela Antilla. Sen embargo, el non era un emigrante normal, pois unha vez alí seguiu dedicándose á pintura, conseguindo certa fama tanto en Cuba como en Porto Rico. En 1881 regresou a España, instalándose definitivamente en Madrid. Alí continuou a súa carreira de artista participando en numerosas exposicións e certames nacionais. Miguel Ángel destacou como pintor de temas costumistas e históricos, aínda que foi o retrato o xénero que máis cultivou, sen dúbida debido á multitude de encargos que recibía. Con todo, nunca chegou a ter gran éxito económico como pintor. De feito o seu principal medio de vida foi o traballo de redactor artístico dos xornais Nuevo Mundo e El Liberal, e o de ilustrador de "Casa Calleja".