Olga Gallego Domínguez


Data de Nacemento: En 1923 (†4 de setembro de 2010)
Lugar de Nacemento: Ourense
 Currículum

Pertenceu ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos desde 1958. Exerceu as súas funcións no arquivo da Delegación de Facenda e na Biblioteca Pública de Vigo, e posteriormente no Arquivo da Delegación de Facenda e Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Foi directora deste centro entre 1969 e 1989, onde exerceu unha intensa e exemplificativa tarefa de identificación, análise, organización e descrición de documentos e fondos documentais, difundindo os seus numerosos coñecementos por medio de conferencias, comunicacións e relatorios a congresos, artigos en publicacións xornalísticas científicas e profesionais, manuais e monografías, e participando en numerosas e variadas accións de formación, constituíndose en mestra indiscutible de numerosos profesionais hoxe en exercicio.

 Obras realizadas

Libros e bibliotecas; clero secular e regular; ciencias médicas e farmacolóxicas; sociedade, economía e administración; arte e urbanismo; arqueoloxía e museoloxía; biografía, historia e historia local; documentos, arquivos, sistemas arquivísticos e patrimonio documental, organización e descrición, acceso e difusión de arquivos, e formación de arquiveiros, foron os temas tratados na súa extensísima produción bibliográfica, composta por máis de cen títulos, moitos dos cales son referentes para a comunidade arquivística, especialmente o seu manual de arquivos familiares e o seu manual de organización de fondos dos arquivos históricos provinciais.

Xenerosa do seu tempo e traballo, organizou o Arquivo Diocesano de Ourense, catalogou as Bibliotecas da Escola de Comercio, Instituto Santa Irene, Caixa de Aforros e Fundación Penzol, e colaborou na organización dos fondos do Mosteiro de Guadalupe en Cáceres, sen desatender as tarefas dos seus centros de destino.

 Outros datos de interese

A súa traxectoria profesional é ben coñecida e foi recoñecida en vida por numerosas institucións culturais: Académica Correspondente da Real Academia da Historia, Académica Numeraria da Real Academia Galega, Vogal da Fundación Penzol, Membro do Padroado da Fundación Otero Pedrayo, membro do Grupo de Investigación Marcelo Macías, do Grupo de Traballo de Arquiveiros de Galicia, Membro de ANABAD - Galicia, da que ademais foi presidenta nos anos 90.
Fóronlle outorgados o Lazo da Orde de Afonso X O Sabio, a Medalla de prata de Galicia, a Medalla Castelao, a medalla de ANABAD, o Premio Trasalba...