Juan Francisco José Rubia Alejos


Pseudónimo:Xoán Rubia
Categoría: Músico
Data de Nacemento: 27 de outubro de 1947
Lugar de Nacemento: Mugardos
 Currículum

Aos nove anos comeza os seus estudios de solfexo e piano da man da profesora dona Acacia Valera e mais tarde inicia estudios de canto no Conservatorio de A Coruña coa profesora María Luísa Nache.

Grava o seu primeiro disco en Barcelona na compañía Edigsa en xaneiro do 1969, disco encadrado no movemento do que se deu en chamar "Nova Canción Galega". Con Edigsa chega a gravar tres discos e o compromiso dura ata o ano 1972 no que firma un contrato con "Philips" que se estende ata o ano 1975. Con esta compañía fai oito discos no formato E.P e un LP titulado xenericamente "Cantares da miña terra" que viña de ser unha escolma de cantares populares. Neste disco figuraba o tema "Catro Vellos Mariñeiros" que acadou moita sona chegando a número un nas listas de éxitos.

No ano 1977 comprométese con "Novola-Zafiro" e fai dous discos de longa duración cos títulos "Lembranzas" que dedica ao seu pai e "Panxoliñas" que grava xunto a súa amiga María Manuela. "Lembranzas" faise baixo a dirección musical de Eduardo Leiva e de José J. Almela e "Panxoliñas" o dirixe musicalmente Xabier Iturralde.

No ano 1980 e por encargo de "Ruada", un intento discográfico galego, aborda un ambicioso proxecto cal é gravar unha antoloxía de cancións do Nadal universal baixo a dirección de Xabier Iturralde que conta cunha orquestra de corenta profesores na que intervén Pedro Iturralde. O disco titulouse "Nadal" e foi anos despois reeditado en formato CD pola editorial Edigal. No ano 1996 aborda un traballo para o departamento fonográfico da editorial galega "Edicións do Cumio" que titula "Na procura da intimidade" no que recolle textos de poetas galegos contemporáneos.

No ano 2005 a súa canción Fala pobo, de 1978 sería empregada como parte da banda sonora do conxunto de curtametraxes Hai que botalos, feito como oposición aos gobernos de Manuel Fraga e incitando ao cambio político.

Foi o primeiro cantante da Nova Canción Galega que aparece na TVE en programas presentados por Raúl Matas e José María Íñigo e tamén o primeiro que pon música en Galiza aos poemas galegos de Federico García Lorca.

Está en posesión de diversos premios entre o que destaca o da "Canción Testemuño" de TVE e o do mellor cantante galego decidido por votación entre os oíntes da Radio Popular.

Os galegos de México outorgáronlle o galardón da Vieira de Prata pola súa colaboración á divulgación da cultura galega.

Na actualidade ten feito unha serie de concertos por toda Galicia presentando un espectáculo multimedia no que compendia música, imaxe e poesía que titula xenericamente "Música para os poetas" no que conta coa colaboración dos músicos Fran Rey, pianista, Luís Cuba, baixista, e Manuel Pérez, percusionista. Neste concerto ponse de manifesto unha escolma da poesía galega que vai desde Rosalía de Castro ata Manuel María, pasando por Curros, Pondal, Xosé Rubia Barcia, Álvaro Cunqueiro, Manuel Lueiro, Lorca, Anne Marie Morris ou Vázquez Díaz.

Ten colaborado en múltiples actos culturais que van desde a presentación de publicacións bibliográficas ata homenaxes a intelectuais como Manuel Lueiro Rey.

Tamén é invitado a participar no congreso organizado pola Universidade de Santiago dedicado aos Poetas Alófonos que dirixiu o profesor Xesús Alonso Montero e ofrece un concerto na casa de Rosalía en Padrón diante dos congresistas invitados entre os que se atopaba Anne Marie Morris a quen dedica o tema "Meu Amor", escrito pola profesora americana.

Colabora tamén coa universidade de A Coruña no Congreso que esta dedica ao seu tío Xosé Rubia Barcia en novembro de 2003 no que interpreta temas baseados nos textos do insigne profesor.

Na súas gravacións participaron músicos da talla de Ros Marbá, Salvador Gratacós, Manuel Gas, Edy Guerín, Rafael Ferro, Eduardo Leiva, Xabier Iturralde... e solistas como Pedro Iturralde co que garda unha sincera amizade.

Colaborou en varias emisoras de radio onde escribiu e dirixiu programas sempre relacionados co mundo da música e da cultura. En Radio Coruña fixo un programa semanal dedicado esencialmente á música de jazz, da que é moi afeccionado. En Radio Nacional, Radio Catro presentou unha revista de tres horas que se emitía os domingos pola mañá, pola que pasaron personaxes relacionados coa cultura galega.

Escribiu artigos en varias revistas, entre elas a prestixiosa publicación cultural "FerrolAnalisis". e ven de ser asiduo colaborador do "Diario de Ferrol" onde os domingos aparece un artigo seu na sección de opinión.

Once discos de formato EP, catro de longa duración e dous CDs configuran a súa discografía na que aparecen textos populares e outros de Curros, Rosalía, Pondal, Anne Marie Morris, García Lorca, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Rubia Barcia, Lueiro Rey... e algúns mais da súa autoría.

Algunhas das súas cancións aparecen en recordatorios xunto a Xil Ríos, Novas Amistades, María Manuela, e cos compoñentes de Voces Ceibes.

 Obras realizadas

Discografía

Discos en solitario:

- Edigsa/Xistral XIS 7 (EP, Edigsa, 1968), inclúe os temas Cantiga de berce á morte de Federico García Lorca, Meu amor, A emigración e O can ten frío.

- Edigsa-Xistral XIS 11 (EP, Edigsa,1969), inclúe os temas Cancioeiro, Noiturnio do adoescente morto, Berro e Cantiga do neno da tenda.

- Cantares da miña terra (LP, Philips, 1973).

- Lembranzas (LP, Novola-Abrente-Zafiro, 1977) .

- Nadal (LP, 1980.

 

Singles

- Philips 60 29 119 (Single, Philips, 1972), inclúe os temas Catro vellos mariñeiros e Vexo Vigo.

- Philips 6029 145 (Single, Philips, 1972), inclúe os temas Lémbraste e Madrigal á cibdá de Santiago.

- Philips 60 29 176 (Single, Philips, 1973), inclúe os temas Mira Maruxa e Alborada.

- Philips 6029 207 (Single, Philips, 1973), inclúe os temas Lévame, lévame, lévame e María Soliña.

- Philips 6029 232 (Single, Philips, 1974), inclúe os temas Non lle temas, mariñeiro e Cando vexas que me vou.

- Philips 60 29 337 (Single, Philips, 1975), inclúe os temas Neno progre e O señorito.

- Philips 60 29 293 (Single, Philips, 1975), inclúe os temas O poder do diñeiro e Cousas e xentes.

- Novola-Abrente-Zafiro NOX-301 (Single, Novola-Abrente-Zafiro, 1978) inclúe os temas Fala pobo e Cousas e xentes.

 

Colaboracións e traballos colectivos

-Panxoliñas nas voces María Manuela y Xoán Rubia (1977), xunto con María Manuela.

- Galicia nai (1992), xunto con Xil Ríos.

- Na percura da intimidade (1996), acompañado do grupo Sphaira.

 

Recompilacións

- Galicia canta (LP colectivo, Pobovox, Caracas, Venezuela, 1970).

- 7 anos de canción galega (LP colectivo, Ruada, A Coruña, 1979).

- Benvido Noventa (LP colectivo, CRTVG, 1989), co tema Toca o pandeiro, Manoel.

- A Gran Escolma da Música Galega (6 CD's colectivos, Fonomusic, Madrid, 1993).