Comeza os seus estudos musicais aos cinco anos. Tres anos despois ingresa como alumno oficial no CMUS de Vigo, onde realiza os seus estudos de Piano, obtendo o título de Profesor de Piano e o Diploma de Instrumentalista, baixo a dirección de D. José Manuel Fernández González. Ao mesmo tempo inicia a carreira de Pedagoxía e obtén o título de Metre en Educación Musical pola Universidade de Vigo. Posteriormente comeza Composición no Conservatorio Superior de Música de Vigo, estudando cos profesores D. Carlos Cambeiro, D. Pablo Beltrán, D. Joám Trillo e D. Miguel Francisco Moreno, conseguindo no ano 2007 o Título Superior de Composición, cunha cualificación final no "Concerto Final de Carreira" de Sobresaliente.
Ten realizado cursiños de formación nas tres materias -Composición, Piano e Pedagoxía-, con profesores de recoñecido prestixio como Albert Sardá, Carlos Cambeiro, Ludovika Mosca, Javier Jurado, Emilio Molina, Christophe Havel...
Dende os inicios da súa formación existe un vínculo moi estreito coa música popular, o que lle permite coñecer e asimilar diferentes linguaxes dende cativo. Foi membro do Coro Altair, Banda de Gaitas Ledicia (Mos), Arabot, Trío Corcovado, Alfolíes, Malvela e Irtio. Ao longo desta dilatada traxectoria acada numerosos galardóns, aínda que o máis destacable é a posibilidade que ten de traballar como músico de sesión, arranxista, orquestrador e produtor artístico, conseguindo así unha visión global de todo o proceso produtivo.
No campo audiovisual ten realizado as bandas sonoras dos documentais "Camiños de busca" (Mara Gutiérrez) e "Antonio Palacios" (Carlos Davila), producións realizadas para a TVG.
Algunhas das gravacións máis destacadas son:
-"X Cermate galego de música folk - Xuventude '99" (Irtio e outros, Xunta de Galicia 1999), 1º premio.
-"I día da música xove" (Irtio, Xunta de Galicia 2000), 1º premio.
-"Alfolíes" (Alfolíes, I certame folc Radio Obradoiro 2000), 1º premio.
-"Mar de pedra" (Irtio, Discmedi 2002).
-"Que o pano non me namora" (Malvela, Ed. do Cumio 2004).
-"Camiñante" (Brañas Folk, Discmedi 2004).
-"Meniños cantores" (Varios, Pai Música 2005).
-"O aghinaldo" (Malvela, Pai Música 2005).
-"Da miña xanela á túa" (Malvela, Pai Música 2007).
-"Cinsa namorada" (Tino Baz, Pai Música 2007).
-"Folk ó forno" (Conxunto folk do Conservatorio Superior de Música de Vigo, 2007).
No eido da música culta ten publicado varias obras coa editorial Dos Arcordes, e ao mesmo tempo realizado traballos de transcrición para a mesma. A primeira publicación, "Suite para trío de percusión nº 1, Op. 1", foi un encargo do Departamento de Percusión do Conservatorio Superior de Música de Vigo cando aínda era alumno de 3º curso de Composición. Unha obra de estética dodecafónica que foi estreada nese mesmo centro.
Na actualidade é funcionario de carreira do corpo de profesores de música e artes escénicas na especialidade de Fundamentos de Composición, en comisión de servizos no Conservatorio Superior de Música de Vigo, impartindo as materias de Composición e Instrumentación e Orquestración.
CATÁLOGO ACTUALIZADO:
-"Suite para trío de percusión nº 1, Op. 1", 2003. Set de percusión (marimba, vibráfono, timbal, caixa, campás e prato). Dos Acordes, 2004.
-"Enerxías renovables, Op. 2", 2003. Frauta, clarinete e fagot. Dos Acordes, 2007.
-"As abellas d'ouro, Op. 3", 2004. (2-2-2-2, 4-4-4, multiperc., cdas).
-"Suite de tres poemas galegos, Op. 4", 2005. Texto de Federico García Lorca.
-"Obras para paino (varios)", 2005. Piano. Dos Acordes 2005.
-"Dualismos", Op. 5. 2005.
-Var. 7.2, Op. 6. 2006. Frauta, oboe, saxofón tenor, percusionistas, piano preparado (quinteto de corda) vin I -II, vla., vc. e cb. Periferia Sheet Music.
-"Minimal ravins, Op. 7", 2006. Set de percusión (dous pratos suspendidos, aro, dúas marimbas, bongos, tom grave e wood blocks). Dos Acordes, 2007.
-"Bitácora 01-04, Op. 8a. 2006-2007. Orquestra (2-2-2-2, 4-4-4, perc., pno., cdas.).
-"Bitácora 05-06, Op. 8b. 2006-2007. Frauta, clarinete, violín, violoncello, piano e multiset de percusión.
-"Misa, Op. 9", 2008. Soprano e cuarteto de corda.
-"Desafío 08, Op. 10", 2008. Trompa e piano.
-"Encontros, Op. 11", 2009. Clarinete, violín e violoncello.
-"Abstract": Abellas d'Ouro, Op. 20, 2009. Ensemble de cordas.
Paxina web: www.juaneiras.com