Realizou estudos eclesiásticos nos Seminarios Menor de Tui (Filosofía) e Maior de Vigo (Teoloxía) que rematou en 1960. En 1974 matricúlase na Universidade de Santiago de Compostela na Facultade de Historia. Secularizouse en 1975-76. En 1977 traballa como secretario da Cámara Agraria Local da vila do Rosal. Por concurso de méritos a Delegación Provincial de Cultura, nomeouno en 1979 garda encargado do Conxunto Histórico de Santa Trega e Conservador do Museo Arqueolóxico.
Gañou o Premio Literario I Certame Xornalístico da Cidade de Tui (1973). É colaborador na prensa e das revistas do Museo de Pontevedra, Museo e Arquivo Histórico Diocesano de Tui, Pontevedra Arqueolóxica, Pregón e Soberosum de Ponteareas...
Exerceu como profesor en colexios e academias de Ponteareas, A Guarda e Baiona. É cofundador do Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño (1968), do Museo e Arquivo Histórico Diocesano de Tui (1974), da Biblioteca, Museo Etnográfico e Boletín Histórico Cultural do Concello do Rosal, do Instituto de Estudios Tudenses (1990), do Instituto de Estudios de A Paradanta e Condado do Tea (2003). É membro do Instituto Padre Sarmiento (Sección de Arqueoloxía) de Santiago de Compostela (1979), da Asociación Colegial de Escritores de España (1982), Grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén de Pontevedra (1983), Membro colaborador do Departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago (1984).
Entre as súas publicacións cómpre destacar: ‘Vía romana “per loca marítima” por el Bajo Miño y Costa Atlántica’ (1975), ‘Manifestaciones Rupestres en el Monte de Santa Tecla’ (1980), ‘Citania y Museo Arqueológico de Santa Tecla’ (1983), ‘Aportación al estudio de la típica esvástica del Alto Miño luso-galaico’ (1986), ‘Contos de Manuel da Ventosela-edición crítica’ (1991), ‘Nuestra Señora de la Salud: Historia, devoción y arte de San Juan de Tabagón’ (1993), ‘Artístico Vía Crucis del Monte de Santa Tecla, obra del laureado escultor valenciano, Vicent Mengual’ (1994), ‘La ermita de San Gregorio, su historia y tradicional feria-romería’ (1996), ‘Parroquia de San Miguel de Vilasuso’ (en colaboración, 1996), ‘D.Juan Domínguez Fontela, notable historiador e ilustre guardés’ (1998), ‘Cruceiros, cruces e almiñas do Baixo Miño. I Concello do Rosal’ (1999), ‘Parroquia de San Lorenzo de Salcidos: aproximación histórica’ (2001), ‘O aceite en Galicia: guía das largaretas castrexo-romanas, medievais e modernas’ (en colaboración, 2003), ‘O Heraldo Guardés, a Imprenta Guttemberg e seu director José Darse’ (2004) e ‘Novos poemas de Manuel da Ventosela en galego e castelán’ (en colaboración, 2007).