Ildefonso Gallego Asorey


Categoría: Médico
Data de Nacemento: febreiro de 1905 (†10 de outubro de 1983)
Lugar de Nacemento: Santiago de Compostela (A Coruña)
 Currículum

Ildefonso Gallego Asorey foi un dos médicos galegos máis prestixiosos, apaixoado pola radio e a lectura e profesor de Ciencias no único instituto que, trala Guerra Civil, se mantivo aberto en Vigo. Foi o cuarto fillo dunha familia de once irmáns, dos que Xosé dirixiu a empresa Cross, tres foron médicos e Francisco, un oftalmólogo de prestixio, realizou en 1944 o primeiro transplante de córnea que se realizou en España. As mulleres, cinco, estudiaron todas Maxisterio. Gallego Asorey foi un estudiante moi brillante. Xa no Bacharelato obtivo numerosas matrículas de honra, expediente sobresaliente que consigue manter na Facultade de Medicina de Santiago, onde estudia entre 1921 e 1927, conseguindo once matrículas e seis sobresalientes. Remata a licenciatura coa cualificación de sobresaliente. Na Universidade Central prepara o doutoramento ó longo de dous anos e logo completa os seus estudios da especialidade de otorrino en Barcelona, xunto ó eminente profesor Fernando Casadesus Castells. Fixo oposicións a médico da Mariña Civil e durante unha longa temporada navega en distintos barcos ata que en 1930 gaña a oposición a médico de Sanidade Militar. Ó mesmo tempo faise inspector de Hixiene Municipal, obtendo o seu primeiro destino en Marrocos, país onde se fai acredor da "Rossete d'officier de Ouisam Alaouite". O doutor Gallego Asorey remata a Guerra Civil en Mataró. Na contenda participa no bando republicano por atoparse en Madrid no momento de producirse o Alzamento. Iso suponlle a expulsión do Exército cando tiña o grado de capitán. Casa coa catedrática Teresa Díaz Iglesias e establécese en Vigo na década dos corenta. Foi profesor axudante na sección de Ciencias do único instituto que existía entón nesta cidade. Abre unha clínica de consultas de otorrinolaringoloxía, na que lle axuda o seu único fillo Alfonso. Ó tempo exerce como xefe clínico da Seguridade Social. Este prestixioso doutor, foi un home dunha extraordinaria cultura que dominaba o alemán, o inglés e o francés.