Cursou o bacharelato e Maxisterio en Ourense, e en Madrid e Valladolid, alternativamente, as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras. Finalizada a Guerra Civil traballou como profesor en colexios privados de Chantada (Lugo) e en Ourense, onde tamén colaborou na revista "Posío", na que publicaba unha sección fixa de biografías co título de "Ourensanos Ilustres". Ó cumprirse o primeiro aniversario do centenario do nacemento de Curros Enríquez, o Centro Galego de Bos Aires organizou un concurso no que foi premiado un traballo de Alberto Vilanova. Como consecuencia destas actividades e invitado polo Centro Ourensán para dar algunha conferencia trasladouse a Bos Aires en 1954, de onde non regresou ata 1982. En Arxentina conseguiu a praza de Lingua e Literatura Galaico-Portuguesa na Universidade Nacional da Plata e publicou en separata do volume dedicado ó benedictino español por esta universidade: La galleguidad del Padre Feijoó. Entre 1956-59 ocupou a cátedra de Cultura Galega no Centro Lucense de Bos Aires. Contratado pola Universidade Nacional do Nordeste, rexentou as cátedras de Historia Medieval e Moderna e dirixiu o Instituto de Investigacións Históricas. Foi profesor na Universidade Nacional do Sur de Bahía Blanca, entre os anos 1965 e 1972, onde estivo a cargo das cátedras de Historia Medieval e Historia de España.
Publicou en prensa artigos e ensaios, tanto históricos como literarios: Vida y obra de Juan Antonio Saco y Arce; Fray Tomás de Lemos en el proceso teológico de Galileo; Ensayo bibliográfico de Teodosio Vesteiro Torres; etc. En 1966 e editada polo Centro Galego de Bos Aires, saíu á luz a súa obra máis importante: Los gallegos en la Argentina.
Foi galardoado co Premio Nacional de Historia en 1936 polo seu estudio El Padre Mariana y la historiografía de su época e co de socioloxía polo seu ensaio Joaquín Costa o el gran dolor nacional. Foi presidente da Comisión de Cultura do Consello de Galicia.