Fillo e neto de mariños de guerra, a súa infancia estivo marcada polos diferentes destinos do seu pai, así que viviu en Cartaxena, La Palmas e Marín.
Meus primeiros estudos foron sempre en colexios relixiosos: en Ferrol nos P.P. Mercedarios, en Cartaxena nos P.P.Maristas e en Marín nos Escolapios pero, de volta xa a Ferrol, comezou bacharelato no Colexio Academia Rapariz, colexio laico e republicano, dentro do republicano que se podía ser naqueles tempos.
Rematado o bacharelato superior, que fixo por letras e por ciencias, o seu pai pretendeu que estudase na Escola Naval de Marín, pero o seu non era a milicia, polo que se matriculou na hoxe Escola Superior da Mariña Civil na Coruña, facendo estudos de máquinas que, co tempo, rematou co título de Xefe de Máquinas da Mariña Mercante. Toda a súa vida profesional fíxoa en transportes de gas e petróleo, un total de 12 anos. No ano 1977 entrou a formar parte do cadro de persoal de Unión Fenosa na Central Térmica de Meirama como Operador de Control e, nese posto xubilouse no ano 2003.
Desde novo gústalle escribir, e case sempre o fai en galego. Participou na revista da Unión de Oficiais da Mariña Mercante (UOMM) con diversos artigos e algún que outro poema. Anos máis tarde dedicouse a escribir relatos curtos e conseguiu o premio de Relato Curto do Centro Galego de León no ano 1995.
En 1988 comezou estudos de Dereito na Universidade Nacional de Educación a Distancia, estudos que deixou a falta de tan só seis materias por mor dunha enfermidade (artrite psoriásica) que aínda hoxe padece.
Está casado e ten dúas fillas.
En 1982, seguindo unha afección que tiña desde neno, entrou de socio na Sociedade Filatélica da Coruña da que, desde 1985 é directivo e dúas veces presidente, a última na actualidade.