Jesús Pimentel


Pseudónimo:Cuchús
Categoría: Músico
Data de Nacemento: En 1959
Lugar de Nacemento: Palencia
 Currículum

Despois dos seus inicios na guitarra clásica, primeiro en Lugo, con JOSÉ Mª HINOJO, e logo en Vigo, con TOMÁS CAMACHO, inclínase cara a outras músicas (jazz, rock,...) formando parte de grupos como NHU, BAIO ENSEMBLE ou NOROESTE, ata que en 1988, tras asistir a un curso con MANOLO SANLÚCAR, se dedica exclusivamente ao flamenco. Máis tarde estuda con guitarristas da talla de ENRIQUE DE MELCHOR, MANOLO FRANCO, RAFAEL RIQUENI, JUAN MANUEL CAÑIZARES, PACO SERRANO, entre outros, ademais de continuar co mencionado MANOLO SANLÚCAR, a quen considera o seu mestre.  

É licenciado en Música Tradicional, especialidade de Guitarra Flamenca, pola ESCOLA SUPERIOR DE MÚSICA DE CATALUNYA (ESMUC).

En 1993 grava o seu primeiro disco como solista e posteriormente trasládase a Madrid desde onde compaxina a súa actividade como concertista co acompañamento do cante e o baile. Ten acompañado a cantaores como “EL FALO”, PACO DEL POZO, “EL KIKI”, “EL PESCAO”,... bailaores como MARÍA JUNCAL, ANDRÉS MARÍN, CONCHA JAREÑO, “LA TRUCO”, RAFAEL ESTÉVEZ; ALFONSO LOSA,... e formou parte de importantes compañías (CRISTÓBAL REYES, OLGA PERICET/MANUEL LIÑÁN, JOSÉ GRECO, ESPAÑA BAILA FLAMENCO, LOS VIVANCOS,...) para as que compuxo diversas pezas.

Tamén colabora con artistas doutros estilos: SHARMILA SHARMA (India), NAYLA (Líbano), RASHA (Sudán), HISAKO HORIKAWA (Japón), LEONEL ALEAGA (Cuba), LANÓNIMA IMPERIAL, COMPAÑÍA DE ÓPERA DE MÉXICO, IMAXINA JAZZ ORQUESTRA, etc.

Como solista ou formando parte destas ou outras agrupacións, ten ofrecido innumerables concertos en España, Portugal, Francia, Italia, Inglaterra, Gales, Alemaña, Suíza, República Checa, Eslovaquia, Finlandia, Grecia, Turquía, Chipre, Israel, Marrocos, Cabo Verde, México e Xapón.

Como profesor exerceu en escolas privadas e oficiais, tanto en clases xerais como impartindo seminarios. Tamén realiza masterclass dentro e fóra de España.

Gravou ao arredor de 30 discos entre traballos como solista, proxectos propios e colaboracións con músicos doutros estilos (ISABEL PANTOJA, LOS PIRATAS, SPIRITU 986, ALBERTO CONDE TRIO, EMILIO CAO, UXÍA,RAFAEL JIMÉNEZ “FALO”...). Ademais gravou música para teatro, sintonías, publicidade, espectáculos musicais (entre os que podería destacarse  JAROCHO) e protagonizou máis de cincuenta 50 programas de TV.

O seu traballo viuse reflectido na prensa especializada nacional e internacional (GUITAR PLAYER USA, PASEO  -Xapón-, EL GRAN MUSICAL,...) así como en diversos libros como “Historia-guía del Nuevo Flamenco” (Pedro Calvo e José Manuel Gamboa, 1994), “Historia de la Guitarra Flamenca” (Norberto Torres, 2005), “Paco de Lucía en vivo” (Juan José Téllez, 2003), etc.

Na actualidade, é profesor do CONSERVATORIO PROFESIONAL DE PALMA DE MALLORCA e prepara un novo traballo discográfico (Sin Fronteras) no que conta coa colaboración de músicos como JORGE PARDO, OMAR ACOSTA, DIEGO ÁLVAREZ “EL NEGRO” e SUKDHEV MISHRA.

Como compositor é membro, desde hai máis de vinte anos, da SGAE, onde ten rexistradas preto de corenta obras de diversos estilos.