Na súa cidade natal desenvolveu a maior parte da súa vida persoal e profesional, no seo dunha familia estreitamente vinculada coa literatura e cultura galega así como de fondas conviccións democráticas, galeguistas e republicanas que o marcaron no seu desenvolvemento. Tamén o acceso á cumprida biblioteca familiar –conformada durante varias xeracións- achegouno á cultura galega e universal e propiciou as súas afeccións literarias que comezou a amosar dende moi neno.
Realizou os seus estudos de bacharelato no colexio Minerva –hoxe Manuel Peleteiro- de Santiago, onde esas afeccións culturais se desenvolveron participando e acadando premios poéticos nos Xogos Minervais, organizados e dirixidos por Avelino Abuín de Tembra, o seu profesor de literatura, ou participando no grupo de teatro colexial dirixido por Rodolfo López Veiga representando, entre outros, a Valle Inclán, Molière, Castelao e destacadamente a Antígona de Jean Anouilth, traducida ao galego por Xosé Luís Franco Grande, Xosé Manuel Beiras e Rafael Silva, o que fora un acontecemento sobranceiro no mundo cultural galego daquel ano 1963. Igualmente dende os dez anos comezou a colaborar na revista colexial “Vamos”, tamén dirixida por Abuín de Tembra.
Logo cursou estudos de Dereito e Historia na Universidade Compostelá destacándose como representante estudantil, o que lle ocasionou un expediente de expulsión da Universidade –que foi revocado tras unha folga xeral dos alumnos durante máis de tres meses do ano 1972- así como diversas detencións policiais e expedientes de sanción gobernativa xunto con procedementos xudiciais diante o famoso TOP (Tribunal de Orden Público) que concluíron sen condena polo decreto de amnistía trala morte do dictador Franco. Pero iso non impediu que fora chamado a filas e destinado a África, tanto en Ceuta como no Peñón de Vélez da Gomera nun batallón disciplinario nese mesmo ano 1972.
Retornado á península, exerce como procurador dos tribunais en Vilagarcía no despacho xurídico do seu pai Luis Bouza-Brey. Milita activamente no Partido Comunista de Galicia, aínda na clandestinade, reorganizándoo en Arousa sendo o seu secretario xeral comarcal. En Vilagarcía, ocupou a secretaría provincial de política municipal e movemento cidadán dende a que propiciou a creación de máis de sesenta asociación veciñais e culturais, sendo os estatutos de moitas das aínda existentes da súa redacción. Igualmente foi fundador e coordinador da Asemblea Democrática de Arousa (ADA), plataforma unitaria que agrupaba a todas as forzas políticas da comarca tamén na clandestinidade e que tivo unha importantísima proxección social, sendo un caso único de unidade en Galicia.
Acadadas as liberdades democráticas, continúa a súa militancia proposto como candidato a deputado e elixido Tenente Alcalde na primeira corporación municipal democrática vilagarciá, formando parte do goberno do Concello integrado por unha coalición PSOE-PCG.
Igualmente dende a súa volta do servizo militar en África, participa activamente no movemento cultural na comarca, sendo socio fundador e secretario das seguintes entidades: Asociación Cultural de Arousa, Ateneo de Arousa, Padroado da Banda Municipal de Música de Vilagarcía, Asociación de Amigos do Ferrocarril “Arousa Tren”, así como asesor de outras numerosas entidades.
Impartiu numerosas conferencias e participou en bastantes congresos e seminarios tanto en Galicia, España ou no estranxeiro, especialmente Iberoamérica.
Foi presidente do Primeiro Congreso de Poesía Galega celebrado en Vilagarcía en 1997 co gallo do cincuentenario da edición nesta cidade do poemario “Cómaros Verdes” de Aquilino Iglesia Alvariño, o primeiro libro publicado en galego trala Guerra Civil, e dirixiu entre outros os cursos do Concello de Catoira e a Universidade de Santiago sobre “A resistencia cultural de Galicia no franquismo” e a “Loita guerrilleira en Galicia contra a ditadura”.
Ten publicados individualmente o poemario “Canto en tres tempos de amor e esperanza,”Santiago,1972, e “Periplo de amor e mar”, aínda que deste último xa foron musicados e gravados varios poemas.
Igualmente de carácter histórico e biográfico publicou:
-“Ferro Couselo e o Ateneo do Ullán”, Xunta de Galicia, 2000.
-“Notas puntuais sobor das letras galegas no século XX”, Xunta de Galicia, (“Galicia Terra Única”, 1997.
-“Luis Bouza-Brey, obra completa”, Edicións do Castro,
-“Os arousáns polo mundo. Nós tamén fumos emigrantes”, Porto de Vilagarcía, 2008.
-“Luis Bouza-Brey , un poeta en San Simón”, “Literatura galega e guerra civil española” Edicións Xerais de Galicia, 2006.
-“Borobó”, obra colectiva, Edicións do Castro, 2002.
De carácter etnográfico: “O alcumario de Arousa,do Ullán e do Salnés”, Concello de Catoira, 2008.
Dende moi novo empezou a escribir na prensa gráfica especialmente nos xornais El Correo Gallego, El Pueblo Gallego, Hoja del Lunes de Vigo, La Voz de Galicia, Faro de Vigo e Diario de Arousa ocupando neste último o cargo de fundador e coordinador do seu suplemento cultural “Arousa un mar de cultura” durante máis de sete anos. Sendo así mesmo correspondente para España da revista portuguesa “Scientia Iuridica” de Braga. Traballando igualmente durante un tempo nas revistas Ciudadano e Posible de Madrid.Tendo publicado en conxunto ao redor de dous mil artigos.
Non chegou a ser editada a obra “A literatura galega en Portugal, 1900-1980”, na que se recollen 1965 publicacións galegas no país veciño tanto en libros, como relatorios e comunicacións en congresos ou en revistas e xornais durante ese período de tempo. Tamén permanecen inéditos os libros “Os meus mestres”, onde recolle a súa relación e vivencias con persoeiros como Otero Pedrayo, Fermín Bouza-Brey, Risco, Xocas, Álvarez Blázquez, Santos Junior, Borobó, Ramón Velenzuela, Paz Andrade, Francisco Xosé Veloso, Dieste, Seoane…e “A cociña tradicional das casas señoriais galegas dos séculos XIX e XX”, compendio de 243 receitas procedentes dos receitarios das súas devanceiras.