Cursou estudios eclesiásticos no Seminario Conciliar de Lugo e acabounos no Colexio Español de Roma, sendo ordenado sacerdote en 1925. Foi profesor de Latín e posteriormente obtivo a licenciatura e o doutoramento en Filosofía e Teoloxía pola Universidade Gregoriana de Roma, e en Filosofía e Letras, sección de Clásicas pola Universidade de Madrid. Na capital de España seguiu dedicándose á docencia. Catedrático de Latín por oposición en 1942, exerceu a docencia no Instituto de Lugo, centro do que chegaría a ser director. Solicitou o traslado a Alacante por razóns de saúde e alí desempeñou a súa cátedra no Instituto ata a súa xubilación en 1970.
Froito das súas investigacións son os seguintes traballos: Las Oraciones Gramaticales en los Clásicos Latinos (Lugo, 1928), Antología Latina, 1. Ejercicios morfológicos. La oración simple (Lugo, 1951), Cornelii Nepotis Vitae. Eumenes, Phocion-Breve sinopsis de Sintaxis, (Lugo, 1951), Q. Quili Ciceronis. Comentariolum Petitionis (Lugo, 1951), Antología Latina II (Lugo, 1953) e Brevisíma sinopsis de Prosodia y Métrica épica (Lugo, 1953). Así mesmo é autor dos seguintes traballos: Museo y taller de reproducciones de objetos clásicos, Actas del Primer Congreso Español de Estudios Clásicos, Los topónimos ibéricos derivados de sursum y deorsum, VI Internationales Kongress für Narmenforschung; Etimología del topónimo “Sasdónigas”, II Congreso Español de Estudios Clásicos, Presupuestos necesarios para la redacción del Corpus Toponymicum y del Corpus Anthoroponymicum de Galicia, e VIII Congreso de Onomástica. Algúns dos seus traballos apareceron na revista “Grial”.
En Lugo foille recoñecido o seu labor docente nunha homenaxe tributada en 1971.