Francisco Antonio Casal Espiñeira


Pseudónimo:Paco Casal
Categoría: Músico, intérprete e compositor
Data de Nacemento: 22 de decembro de 1933
Lugar de Nacemento: Verines, Irixoa (A Coruña)
 Currículum

Durante boa parte da súa vida, Paco foi un activo empresario de hostalería -¿quen non recorda a popular cafetería-restaurante Muíño Roxo de Betanzos?-, presidente dun club de fútbol de categoría nacional, como o Brigantium (1968-1992) e tamén colaborou con Radio Betanzos co programa “El Musical de Paco Casal” e “La tertulia de los jueves”, desde todas as frontes. Paco nunca deixou a música, á que estivo ligado desde a máis tenra infancia, e a música, en todo o seu amplo abano de manifestacións, tampouco o deixou a el.
Con apenas un ano, a súa familia trasládase á veciña localidade de Betanzos, Betanzos dos Cabaleiros, onde o pequeno Paco encontrou en súa nai as mellores raíces musicais. Generosa arrolábao cos seus sons musicais do rico folclore galego, sen imaxinar que aquelas cancións e cantigas, aqueles sons e acordes, ían a ser a mellor semente para aquel músico que estaba crecendo ás beiras do Mendo e Mandeo, ata facer del todo un excelente profesional da música, primeiro como intérprete e máis adiante como compositor.
Aos seis anos comeza a ir á escola Santo Domingo, tendo como profesor a Antonio Castro Maseda, alternando con clases particulares de dona Concha e Las Princesitas. Xa nestes primeiros anos da súa formación mostra certa predisposición artística e aos dez anos (corría 1943), métese máis de cheo no ambiente musical con atención especial ao solfexo e á teoría musical da Academia de Música do concello, baixo a dirección de Víctor Pariente Herrejón, alternando con ensinanzas particulares a cargo do profesor de Música Lorenzo Rey. Aqueles intensos estudios viuse obrigado a interrompelos por prescrición médica do doutor Luís Sánchez Arguindey en 1945.
Paco non renuncia ao seu empeño e despois de dous anos, a súa paixón pola música pode máis, e os médicos autorízano a retomar as clases, esta vez da man do profesor Manuel Fafián Casal. Con 14 anos (1948), ve cumprido o seu soño de ser percusionista e por primeira vez senta diante dunha batería tendo como profesor a un curmán seu, destacado batería da época, Antonio Maceiras Cagiao.
Tras un ano de aprendizaxe e con 15 anos cumpridos, o 16 de xaneiro de 1949, debuta coa Orquestra Radio en Meangos (Abegondo-La Coruña). Ao finalizar a actuación o director da formación pagoulle 50 pesetas, cantidade que era máis de canto se pagaba entón por unha soa actuación.
Mentres, continuaba perfeccionando os seus estudos musicais co renomeado profesional Manuel Lourido Iglesias e con Alejandro Téllez Marín, este como profesor de violín. Dous meses despois foi chamado para formar parte da nacente Orquestra Seva. Nas súas filas permanece apenas un ano, xa que, tras estudar varias ofertas, decide enrolarse na Orquestra Bolero de Ferrol, unha das orquestras con máis auxe naquel momento (1950). Posteriormente (1952) incorpórase á Orquestra Saratoga, tamén de Ferrol, que nese momento estaba considerada, polos medios de comunicación, como a mellor formación orquestral de Galicia.
Sen deixar un só instante as "baquetas", alternando co violín cando a “Saratoga” interpretaba tangos e valses, con apenas dezanove anos (1953) xórdelle a oportunidade de estrearse como compositor interpretando "He soñado con besos", un tema escrito, composto e con arranxos seus. Tan mozo e xa deixa claro que “a música é a verdadeira linguaxe universal", como dixo o compositor e director de orquestra alemán Karl M. Weber.
Sempre rodeado da "súa música", Paco abre unha paréntese na súa vida. O 25 de xullo de 1954 casa con María Elena López Carro na igrexa parroquial de Santiago de Requiám, de Betanzos. Durante 18 meses os seus superiores na milicia déronlle toda clase de facilidades para poder cultivar as súas afeccións musicais.
Ao ano seguinte (1956), a xa famosa orquestra Los Satélites da Coruña, que acaba de regresar dunha xira por Venezuela, incorpórao ao seu cadro de persoal, tanto como cualificado percusionista como en calidade de violinista. Paco recorda que esta formación orquestral foi a primeira en dar a coñecer en España ritmos tan populares e exitosos como o "Cha-cha-cha","Merengue","Chivirico", etc.
Dous anos despois, en 1958, roldando os 25 anos, Paco afronta un novo reto. Enrólase en Los Celtas de España, e o 11 de decembro daquel ano emprende unha ampla e dilatada xira por Europa, empezando por Fribourg (Suíza) para despois continuar polos mellores escenarios europeos e incluso Oriente Medio, sempre con notable éxito. Foron dous anos intensos e triunfais lonxe dos seus, ata o seu regreso a Betanzos o 3 de decembro de 1960, sendo recibido co máximo cariño dos seus e as constantes mostras de admiración dos seus paisanos.
Nova paréntese e novos proxectos, os dous anos lonxe de Betanzos permitíronlle ir fraguando, sen deixar a música, a súa proxección de futuro. Ingresa no mundo dos negocios e monta un ultramarinos-froitería en Las Cascas, que máis tarde daría paso á famosa cafetería-restaurante "Muíño-Roxo".
Corría 1961 e unha vez que puxo a primeira pedra das súas afeccións empresariais, incorpórase á Orquestra Radio da Coruña, dirixida por Pastor Asensio Pan. Pero continúa estudando e en setembro daquel ano decide presentarse a exame de compositor na Sociedade Xeral de Autores e Editores da Coruña, proba que pasa con éxito e que lle permite, oficialmente, compoñer, editar e publicar novas cancións e temas musicais.
O novo mestre-compositor, xa cualificado intérprete, quere máis e en outubro de 1961 incorpórase de novo aos xa coñecidos e internacionais Los Celtas de España. Debuta en Múnic (Alemaña), percorrendo, éxito tras éxito, toda a xeografía xermana, pasando por Francia, onde compartiu cartel con primeiras figuras do firmamento artístico e musical a escala mundial, Marlene Dietrich, Frank Sinatra, Louis Armstrong, Robert Jeantal, Vince Taylor, La Greca, etc., con actuacións multitudinarias en prazas de touros, pavillóns deportivos, teatros, casinos e as mellores salas de festas.
De volta á casa, o músico tiña moitos proxectos que clarificar, xa que a década dos sesenta ía ser determinante na súa carreira como intérprete e de cara ao futuro. Incluso bulía na súa mente a despedida dos escenarios. Primeiro durante os meses de verán de 1962 no night-club Bahía de Rosas (Xirona), onde comparte cartel con primeiras figuras e estrelas como La Chunga, La Camboria, Dolores Vargas "La Terremoto", Antonio Gades, La Princesa Mina, a mellor bailarina india de todos os tempos, e un longo etcétera.
Unha vez finalizado este segundo contrato cos Celtas de España, Paco Casal, durante o outono de 1962, decide formar un conxunto, no que quedarían integrados Manolo Bello (piano, acordeón e voz), Indalecio Iglesias (contrabaixo e tenor), Manuel Pérez (saxo alto, clarinete e voz) e Antonio Martínez (trompeta). Tralos primeiros ensaios, en novembro, había que bautizar ao grupo e, despois de barallar varios nomes, o empresario Antonio Concheiro Caamaño suxírelles o de Los Vieirantes.
Tras un outono de intensos ensaios, “Los Vieirantes” saen á palestra e preséntanse, o 6 de xaneiro de 1963, na sala de festas Rey Brigo de Betanzos. Da importancia do evento dá conta o seguinte dato: O cartel anunciador da actuación medía 11 metros de longo e os seus autores foron os coñecidos Eduardo Muñoz Vales e Manuel Justo Vázquez. Betanzos acolleu ao grupo cun cheo impresionante e aquela actuación aínda se recorda hoxe. Incluso aquela noite, o grupo tivo que facer dobrete, posto que, á media noite viuse obrigado a ir á Sociedade Recreativa Liceo de Betanzos, onde a nova agrupación musical volveu a ser aclamada e a festa durou ata ben entrada a madrugada.
Foi unha actuación, este dobrete en Betanzos, cuxos ecos chegaron a todos os recunchos de Galicia. A nova formación musical foi reclamada polas mellores salas das principais cidades galegas que ocuparon a Los Vieirantes durante os meses de xaneiro e febreiro. Ata máis alá de Pedrafita chegaron os eloxios ao grupo e Madrid chamou ás súas portas para incluílo, a prestixiosa sala Flamingo, na programación de marzo e abril, contando entre os seus fieis seguidores a Sara Montiel. Outras salas madrileñas, Moroco, Castelló e Casablanca, non quixeron perder a oportunidade de contar coas actuacións do conxunto de moda no ambiente musical español, como era este quinteto galego. A súa estancia na capital de España prolongouse dous meses máis, maio e xuño.
O seu éxito non ten límites e desde o sur español empezan a "chover" contratos. O primeiro, o 1 de xullo, para inaugurar La Parrilla de los Monteros en Marbella (Málaga). O seu éxito alí excedeu todas as previsións e prolongaríase ata o 15 de setembro. Foron noites inesquecibles no paraíso turístico que era o entorno marbellí, onde resultaba habitual a presenza de ilustres personalidades da realeza, a aristocracia, a política, a diplomacia, as finanzas, a industria de Europa e América, como os Duques de Windsor, os príncipes de Liechtenstein, os baróns de Rothshild, os señores Cartier, Roussel, Crawford; Fierro, Stilianopoulos ou actores e actrices famosísimas como: Mel Ferrer, Audrey Herpburn, Mara Lane, Steward Granger, Ava Gadner, Deborah Kerr, etc.
Paco Casal recorda especialmente ao duque de Windsor, que lle pasaba cordialmente o brazo sobre os ombreiros para pedirlle o "twist". Tampouco esqueceu a xeneral Batista, presidente de Cuba deposto por Fidel Castro, ao que sempre recibían aos acordes do "Manisero", que agradecía cun sorriso e ao despedirse "deixaba caer discretamente un billete de mil pesetas".
Por aquel entón, na programación do Hotel Los Monteros desfilaban as mellores atraccións mundiais, ás que daban paso o grupo galego e a voz de Paco, que presentou, entre outros, a Sacha Distel, Andy Rousell, Beni de Cádiz, ao cadro flamenco El Duende da filla e neta de Pastora Imperio e a unha moza Rocío Jurado que, con tan só 18 anos, xa arrasaba.
En plena euforia musical, o compositor brigantino compuxo unha canción dedicada ao complexo turístico de Los Monteros, á que o escritor e cronista oficial marbellí, Fernando Alcalá Marín, dedicou un importante apartado na súa historia da época, "o principio dunha larga marcha" no capítulo "a década dos xigantes".
Trala súa longa estancia en Marbella, o grupo regresa a Madrid reclamado pola sala La Galera, onde actuarían ata finais de novembro, data na que decidiron retornar a Galicia para pasar o inverno, declinando varios contratos para continuar na capital, o que lles permitiu cotizarse ben á alta en varias galas en escenarios galegos. En marzo e abril de 1964 centran a súa actividade no hotel Universo de Pontevedra.
Nesas datas, Paco recibe noticias de que a súa nai padece unha grave enfermidade e decide regresar á casa para estar ao lado de súa nai e dos seus. A incidencia obriga á disolución do grupo pese a que xorde a posibilidade de firmar un contrato por sete meses para actuar en terras africanas (Dakar, Senegal).
Xunto aos seus e ao experimentar a súa nai unha melloría, Paco incorpórase aos Satélites, coa promesa de quedar libre de finalizar a temporada de verán. Con este trámite cumprido e súa nai moi mellorada, decide ingresar nunha orquestra suíza de jazz, a “Lou Andrini”. Ao principio tivo dificultades para adaptarse ao estilo de jazz que facía (New Orleans) pese á súa longa experiencia. Pouco a pouco, foi incorporando ao seu propio estilo toda una serie de enriquecementos da linguaxe musical do jazz, á vez que ampliaba os seus coñecementos de harmonía grazas ás clases do profesor Marco Lacatelli Lloyd de Xenebra. Alcanzou así o seu punto de madurez e gañou ao selecto público helvético.
Ao ano seguinte (1965), actuando coa orquestra en Zürich, decide proseguir os seus estudos de harmonía co mestre Walter Reger Reutter, organista, compositor e director de orquestra. Nesta liña continua ata o 30 de setembro de 1996 en que, pese a que a “Lou Andrini” quere ampliarlle o contrato, toma a decisión de abandonar a música como intérprete e regresar a Galicia para dedicarse de cheo á súa empresa de hostalería. Nacía o emporio Muíño Roxo, que inauguraría o 31 de decembro, á fronte do cal estaría 32 anos, pero tamén se abrían as portas dun prolífico compositor, aínda que no verán de 1970, a petición do recordado director dos Trovadores, Alfonso Saavedra, volveu a pisar os escenarios, pero só en galas estivais por todo o norte español e parte de Portugal.
Despois dunha intensa e exitosa carreira como intérprete -batería, violín e voz- militando nas mellores orquestras de España e incluso de invitado nalgunha estranxeira de fama mundial como a de Xavier Cugat e os Habana Cuban Boys de Armando Orefische, que non puido cumprir por ter outros compromisos, Paco rexeitou unha oferta do mundialmente famoso Antonio Machín para incorporarse á súa orquestra, algo que hoxe lamenta, sobre todo por que lle gravaría dous temas seus.
Medio cento de temas musicais editados e gravados, difundidos por orquestras, radio e televisión, son a mellor carta de presentación e o máis prezado aval da súa fama, popularidade e admiración tanto como músico como pola súa facilidade para compoñer. Son testemuñas e expoñentes, entre outros, a orquestra Compostela, Los Key, Los Satélites, Melchor, Ana Kiro, Pili Pampín, Luís Queimada, Montse, Iago e Lucía, Manolito "El Pescador", Sito Mariño, Demetrio, o Dúo Cristal de Alacante, Agustín Tato, etc..
Entre as súas últimas creacións, cabe destacar a Muiñeira de Betanzos, que dedicou ó seu pai, José Antonio Casal Cagiao. Foi seleccionada polo Ateneo de Ferrol e gravada posteriormente.
En 1999 a Banda Municipal de Betanzos estreou o pasodobre "De Galicia a Buenos Aires", dirixida por Raúl Galán Cerveró e en 2001, a súa primeira incursión na música clásica coa fantasía “Diana Cazadora", dirixida por Juan Ferrer Cerveró.

 Obras realizadas

Coas súas creacións conquistou o Primeiro Premio no Festival de Marín (Pontevedra) e o de interpretación no Festival do Grove (Pontevedra), e o segundo no Festival de Ares. En dúas edicións do Festival do Miño (Ourense), dous temas seus loitaron por un dos galardóns e, xa fóra de Galicia, varias cancións foron preseleccionadas nos festivais de Mallorca, Xixón, Almería e Benidorm.