Tras licenciarse en Dereito en 1968, Carlos García Martínez (Santiago, 1945-2018) vinculouse ao Instituto de Estudios Galegos "Padre Sarmiento", onde se formou como arqueólogo, prehistoriador e antropólogo ao carón de mestres como Fermín Bouza Brey, Luís Monteagudo, Antón Fraguas, etc. Entre os traballos desta etapa débense salientar os que realizou sobre a arte rupestre galega e as escavacións en necrópoles megalíticas galegas e baixo romanas no Grove, Terra de Montes, Abelleira, Roupar, O Buriz, Bexo, Argalo, etc.
Unha das áreas de preocupación de García Martínez foi a defensa e expansión da cultura popular galega e por iso se significou como un dos impulsores e fundadores do principal centro de antropoloxía e etnografía de Galicia, o Museo do Pobo Galego, no que traballou primeiro como secretario e despois como director ata o seu falecemento. Os corenta anos de vida do Museo do Pobo Galego son indisociables da figura de Carlos como autor intelectual do proxecto. Este inxente labor, sempre acompañado da súa proverbial discreción, aínda lle deixou vagar para practicar a súa finura como escritor e publicista como autor de numerosos traballos de prehistoria, antropoloxía, etnografía e de divulgación cultural. Da súa bibliografía cómpre destacar o libro De alicerces e devocións: unha ollada arredor das orixes, volume misceláneo en torno a Florentino López Cuevillas, Fermín Bouza-Brey, Antonio Fraguas e a arte prehistórica, que a Fundación Otero Pedrayo lle publicou ao distinguilo coma Premio Trasalba no ano 1999.
Polo seu compromiso sen fisuras cos alicerces e co devir do pobo galego e por toda unha vida ao servizo de Galicia e da dignidade humana, Carlos García Martínez foi distinguido, a título póstumo, co Pedrón de Ouro 2018.
(Felipe Arias Vilas)