Fernando Cortizo


Data de Nacemento: 1973
Lugar de Nacemento: Santiago de Compostela
 Currículum

Da os seus primeiros pasos a mediados dos noventa coa realización da curtametraxe en 8mm “El monstruo de la playa”. Durante esta década, e alternando cos seus estudios, realiza diversas curtas (Blackcat spantat, Solo, O Boiro, El ladrón de muñecas, Bucowski o Promesa) interesándose e especializándose na técnica de animación stop-motion.

No ano 2007 decide crear a súa propia produtora “Artefacto producciones” e comeza a realizar traballos de animación (“Leo”, “El cuidador de gatos”, “Noche de brujas”), que pronto comezan a acadar importantes premios tanto dentro como fora de España ('FiCIIQQ-Chile', 'Pilas en Corto', 'Actual' Logroño, 'Semana internacional del cortometraje' Logroño, 'Festival internacional Valle del Bravo' México, 'Premios Academia Galega de Cine', 'Premios ACE', 'Semana internacional del cortometraje de San Roque', 'Festival internacional de Bueu'…). Durante esta época, ademáis dos seus propios traballos, realiza labores de axudante de direción nas películas “De bares” e “Relatos”, de Mario Iglesias, así como na multipremiada curtametraxe “Madres” do mesmo diretor.

En 2009 comeza a produción do que será a súa primeira longametraxe “O Apóstolo”, sendo a primeira película europea en stop-motion estereoscópico. Para o proxecto consigue involucrar a técnicos procedentes das maiores producións mundiais realizadas con esta técnica, así como ó músico norteamericano Philip Glass.

Este mesmo ano, a revista Variety o inclúe na lista dos 10 directores españois listos para "crear ondas" no cine español.

Con 'O Apóstolo' comeza o seu percorrido internacional no Festival Internacional de cine de Moscú o pasado mes de xuño, e en España no Festival de Cine Español de Málaga, sendo a primeira vez en ambos festivais que se selecionaba unha película de animación en Sección Oficial a competición. Presentouse tamén no Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges e recibiu o Primeiro Premio no Festival Expotoons de Bos Aires, o festival de animación máis importante de Latinoamérica. Tamén conseguiu o Gran Prix do Festival Cinehorizontes de Marsella.

En 2012 foi nominada ó Goya á Mellor Película de Animación, o máximo recoñecemento que podería conseguir a nivel Nacional.