Estudiou o bacharelato e Maxisterio en Lugo, ó mesmo tempo que escribe e colabora con grupos de teatro. Algúns dos seus mestres querían que se dedicase a escribir e outros non lle deixaban publica-los traballos porque eran unha crítica social. O seu primeiro destino como mestra foi no Cebreiro, logo estivo na conca mineira asturiana e finalmente no Ferrol. Nunca deixou de estar vinculada ó teatro e á poesía nin de reivindica-los nosos escritores e a nosa cultura. Por dúas veces dirixiu o colexio no que está destinada en Ferrol.
Sempre estivo moi vencellada ás representacións teatrais da escola, ensaiando cos alumnos e escribindo as obras. Publicou pequenos poemas en "Poesía Galicia" e en "Atenea" (Ateneo Ferrolán). Participou en recitais de poesía, nos Xogos Florais de Cedeira (acadando o 1º premio polo poema "Tributos"). Está preparando un recital sobre Tomás Barros. Elaborou unidades didácticas, para os máis pequenos, baseadas na literatura popular. Ultimamente colabora coa SAF na revista "Poesía Galicia".
Pensa que o máis importante dos poetas e dos homes e mulleres con inquedanzas é a defensa dos valores, da xustiza social e reivindica-la cultura como a mellor arma e riqueza da humanidade, todo o demais non ten importancia.