Funcionario xubilado, dedica o tempo libre á busca de madeiras e raíces adecuadas para levar a cabo os seus proxectos artísticos. Pero esta non é a súa única afección, tamén a pintura, a restauración de mobles centenarios e os traballos en pedra ocupan boa parte do seu tempo. Ós doce anos xa dedicaba o seu tempo de lecer á talla de figuras en madeiras autóctonas. A eles hai que engadir os paisanos e as figuras de barro que Darío modelaba polos muros e camiños do seu pobo ou os camións de cáscara de pino que facía coa súa navalla.
A súa obra é unha mestura de natureza morta que representa unha imaxinación viva. Os seus troncos milenarios amosan múltiples facetas e, en cada un deles pódense entresacar caras humanas, figuras alegóricas, animais, fantasías… Ás raíces hai que engadir os seus traballos en pedra, innumerables tallas en madeira, pinturas clásicas e abstractas ademais dunha recoñecida colección de personaxes históricos coma os Condes de Lemos, Miguel de Cervantes ou as personaxes do Quixote.
A súa obra foi exhibida en diversas ocasións:
2001. ‘Arte e Escultura Natural’, Casa da Cultura de Monforte (Lugo).
2003. Escultura e Pintura, Casa da Cultura de Monforte.
2004. Exposición no Café Isaac Cultural de Ourense.
2005. Escultura e Pintura, Parador de Turismo de Monforte (Lugo)
2005. Exposición no Café Isaac Cultural de Ourense.
2005. Exposición homenaxe ós Condes de Lemos e ó Quixote, Casa da Cultura. Monforte (Lugo).