É Licenciado en Veterinaria. Estudou no Campus de Lugo, formando parte da primeira promoción de Veterinaria da Universidade lucense, que data do ano 1984.
Traballou a tempo completo como autónomo, facendo clínica veterinaria e prestando servizo a gandeiros da provincia, ata implicarse na esfera política. Fíxoo no 2006 cando, tras máis dunha década na que o PSOE non tivo representación na Pontenova, decidiu afiliarse a esta formación e formar, cos seus veciños, un equipo socialista neste Concello coa única intención, como sempre di, “de axudar aos seus veciños e de traballar con eles e para eles, defendendo a igualdade de oportunidades e, especialmente, a vida no rural”.
Nas eleccións municipais do 2007, encabezou a lista do PSOE na Pontenova. A súa estrea na política foi un éxito, posto que Campos Conde, xunto ao seu equipo de veciños, ganou por maioría absoluta os primeiros comicios aos que concorría, converténdose en Alcalde da Pontenova.
Dende entón, Campos Conde revalidou a ampla confianza dos seus veciños eleccións tras eleccións, xa que voltou a ganar nas citas coas urnas de 2011 e 2015. Neste último ano, ata mellorou os seus resultados, acadando o respaldo do 60% dos cidadáns.
Os veciños da Pontenova deron sempre o seu apoio maioritario ao seu veciño: Darío da Pontenova, tal e como el sempre se presenta. E este significativo apoio cidadá tamén se traslada aos seus compañeiros de partido, pois quixeron, primeiro, que fose el, e non outro, o representante socialista da Mariña na Deputación de Lugo; e logo, o candidato á presidencia deste organismo, cargo que ocupa dende hai 2 anos.
O día da súa toma de posesión como Presidente da Deputación dixo, textualmente, que asumía este “novo reto como fixen sempre: con traballo, humildade e honradez, dedicando cada un dos días do ano a traballar e defender os intereses e necesidades dos 300.000 veciños da provincia de Lugo”.
Dende entón, Campos Conde traballa, como el mesmo di, por “unha Deputación coas persoas, social e rural, facendo desta institución o motor social e económico da provincia, e atendendo, por igual e con cercanía, aos veciños dos 67 Concellos lucenses”.
Está casado e ten 3 fillos.