Daniel Pernas


Categoría: Escritor
Data de Nacemento: 25 de setembro de 1884 (†18 de xullo de 1946)
Lugar de Nacemento: Os Carballiños, Santiago de Quende, Abadín (Lugo)
 Currículum

A súa nai foi Josefa Nieto Villagal, que tamén nacera na mesma parroquia, e estaba casada con Luís Pernas Prieto, que procedía da veciña fegresía de San Pedro de Candia. Cando Daniel era aínda un neno, a súa familia abandonou a súa terra de orixe para ir residir a unha vivenda na rúa mindoniense de Rigueira.

Con trece anos ingresou de alumno no Seminario Menor de Santa Catalina de Mondoñedo, e dez anos despois, ao rematar os seus estudos de seminarista, foi ordeado subdiácono o 13 de xuño de 1908. Cese un ano despois, o 18 de abril de 1909, o bispo Juan José Solís investiuno sacerdote xunto con outros trece compañeiros seus.

Daniel iniciou o seu periplo poético cando aínda se atopaba en Mondoñedo. Un dos seus primeiros poemas foi o que dedicou a Juan José Solís y Fernández no momento da súa ordenación como bispo de Mondoñedo en 1907.

O primeiro destino eclesiástico de Daniel levouno á Comarca de Ortigueira nos primeiros anos da segunda década do século XX. En Ínsua ejercerá de párroco da parroquia de San Juan e, máis tarde, no hospital-asilo de Ortigueira desempeñará o labor de capelán. Pernas pasará case tres décadas convivindo cos orteganos. Durante todo ese tempo, á vez que desenvolve a súa tarefa sacerdotal, seguirá escribindo poesías de carácter relixioso e costumista que publicará nos semanarios Vallibria, Hoy, As San Lucas y Acción Social de Mondoñedo, pero tamén na prensa doutras localidades galegas como en Las Riberas del Eo ou La Comarca de Ribadeo, e, posteriormente, na revista rexionalista Aurora de Vilalba, La Voz de Ortigueira, a Ilustración Gallega de Vigo e El Compostelano de Santiago.

O político e impresor de Ortigueira, Jesús Fojo, ofreceulle a oportunidade de recompilar moitos dos seus textos para ser editados en formato de libro. Para a publicación do seu único libro, A fala d'as musas (1936), Daniel pediralla a autorización correspondente ao entón bispo de Mondoñedo, Benjamín de Arriba y Castro, co fin de que se avalíe se o texto pudiera conter algún elemento que puidese ser constitutivo dun prexuízo moral contra a Igrexa. A resposta da autoridade católica foi que non “contiña nada contra a fe e os bos costumes”. Así tamén, os textos deberon superar a censura gubernativa, xa que estaban escritos en galego, un idioma que naqueles momentos estaba proscrito para efectuar cualquier manifestación pública, a pesar de ser a lingua vernácula de Galicia e o modo en que el modo en que comunmente se expresaba a inmensa maioría da súa poboación.

Obtidas as preceptivas licenzas, a obra saíu publicada da imprenta de Jesús Fojo en Ortigueira o 23 de decembro de 1936 cun prólogo escrito, a petición do autor, polo seu paisano Álvaro Cunqueiro, que daquela estaba traballando como profesor na Academia de Ortigueira. Este redactárao en castelán e supón en si mesmo unha auténtica obra literaria de gran delicadeza, na que hai fragmentos tan eloxiosos ao contido e ao seu autor como: “Es este libro la obra y el sueño de un hombre natural y escuetamente gallego”, “No es esta obra el anverso delicado de una tela de China. Es una blanca sábana de puro lino, florecida, por la gracia que alcanza el que con ángeles sueña, de las más hermosas flores de Galicia da al que labra la tierra de su lengua”. En canto á portada, esta foi debuxada polo artista mindoniense Bernardino Vidarte, amigo persoal dos dous escritores implicados na obra, e autor, á súa vez, dalgunhas portadas de libros do escritor de Merlín e familia.

Os tema de A fala son os comúns en toda a obra de Daniel e nos que segue a liña poética trazada por Antonio Noriega Varela. En conxunto, os 26 poemas a pesar de non posuír un gran mérito literario, significan un fito para o idioma galego ao estar publicados nun periodo en que a transmisión da cultura de Galicia xa non se pode desenvolver no seu propio idioma, ou como recoñece Carballo Calero na súa Historia da literatura galega contemporánea: "cando as musas galegas deixaron de falar en galego en letras de imprensa". Un feito que é á vez curioso, xa que foron un cura, Daniel Pernas, e un falangista, Ángel Sevillano, os únicos que se atreveron a seguir cultivando o idioma vernáculo sen levantar as sospeitas do novo réxime.

Cunqueiro volverá a lembrar moitos anos despois a Daniel Pernas no seu libro Xente de aquí e de acolá (1971). No libro retrátao retrata burlándose do seu notable apetito e gusto pola boa mesa: “Sabe Deus o que soñaría o reverendo don Daniel Pernas Nieto con axuda deles [lentes], que valencianas brancas, que viños tintos, que troitadas, que festas, naquelas longas e frías noites de inverno, cando acinzan coa xeada as polas núas dos bidueiros!”.

Nos anos seguintes á publicación de A Fala, Fojo seguirá publicando outros poemas en galego de Pernas Nieto e que este anunciará que serán compilados e reproducidos nun segundo volume, algo que nunca ocurriu. Tralo primeiro periodo de postguerra, Aquilino Iglesias Alvariño será o primeiro autor que se decida a publicar unha obra no idioma autóctono de Galicia que será Cómaros verdes (1947), editada en Vilagarcía. Este autor, nativo do mesmo concello que Daniel, romperá co silencio do galego na literatura editada en Galicia, unha senda na que o acompañarán Otero Pedrayo, Ricardo Carballo Calero, Eduardo Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Xosé Neira Vilas e Pimentel, entre outros moitos.

En canto á tarefa sacerdotal de Daniel Pernas, hai que indicar que trala súa estancia en Ortigueira, as autoridades eclesiásticas encomendaranlle primeiro a fegresía de Santa María de Vilavella nas Pontes, para despois confiarlle as de Santiago de Baroncelle e Aldixe en Abadín, á que seguirá a de San Pedro de Fazouro en Foz e, por último, a de Lindín-Argomoso en Mondoñedo. No mes de febreiro de 1944, a súa saúde empezou a deteriorarse cada vez máis, o que lle imposibilitou seguir cos seus deberes parroquiais. Os seus últimos días pasounos internado no Hospital de San Pablo, onde faleceu ás 15 horas do 18 de xullo de 1946.

 

Por José Manuel Suárez Sandomingo