Carmen Martín Serantes


Categoría: Pintora
Data de Nacemento: En 1971
Lugar de Nacemento: Winterthur (Suíza)

   Cultura
 Currículum

A súa familia regresou a Ferrol cando era pequena e onde hoxe vive. Estudou Belas Artes en Pontevedra (onde fixo o primeiro ciclo) e rematou en Barcelona onde se licenciou na especialidade de Pintura no ano 1997, aínda que tamén estudou na especialidade de Gravado.

 Obras realizadas

Ten exposto en salas importantes, como Els Quatre Gats, Galería Punt Jota Art, Galería Fenicia en Barcelona, Gran Hotel de Sitges, etc...
En Galicia ten exposto no Centro Cultural Torrente Ballester, Galería Sargadelos (Ferrol), Círculo Mercantil de Marín, na gran sala de exposicións do Concello de Ortigueira, Galería Arte-Imagen, Hotel Meliá-Maria Pita (A Coruña)...
Carmen Martín ten realizado pola súa conta diversas accións pictóricas e exposicións. En Barcelona montou unha exposición con máis de 400 debuxos e máis de 50 cadros con vistas de diversos lugares da cidade, no local abandonado dunha antiga imprenta do século XIX, no medio do Barrio Gótico. A exposición da “Imprenta Borràs” tivo moitos visitantes e mesmo foi suxeito dunha curtametraxe de Juan Pablo Etcheverry (Minotauromaquia, La Flor más Grande del Mundo).
Cando volveu a Ferrol, en 1998, Carmen e o seu marido, o tamén artista Miguel-Anxo Varela, fundaron a Escola Aberta de Arte, unha institución educativa que serviu de modelo a outras posteriores. O pulo de Carmen déixase notar nas múltiples actividades da Escola, desde exposicións de alumnos moi pouco convencionais -chegaron a facer unha exposición dividida en temas/talleres nas que as obras estaban espalladas por 16 cafeterías, que foron inauguradas todas no mesmo día-, ou festivais na rúa, colaboracións co Concello, cursos de Gravado...
Actualmente Carmen deixou a docencia na Escola Aberta de Arte para dedicarse plenamente á pintura e a ilustración.
O encargo duns cadros para o altar da Igrexa de San Fernando en Santiago, co traballo previo que supón (bocexos, probas, composicións, visitas, etc) é parte do seu traballo actual, que se recolle en:
http://www.telefonica.net/web2/anxovarela/sfer/index.html

Pero ademais Carmen compaxina isto con varios proxectos a longo prazo:
Arte & Café.
Tomando o nome das exposicións que antes organizara na Escola Aberta, Carmen utiliza dúas cafeterías ferrolás para expor habitualmente os seus traballos. A diferenza das exposicións afeccionadas, nas que a cafetería é un substituto da Galería de Arte, no seu caso estes locais son extensións do seu taller. Nelas expón os últimos traballos, para os que o seu taller xa empeza a quedar pequeno. Estas son as que fixo desde que empezou:
Cafetería CAFETO, Rúa Galiano, Ferrol:
"Madre no hay más que una pero aquí tengo varias", con cadros de maternidades de todas as idades e tipos. Novembro-decembro de 2006.
"Desde el tejado", con vistas aéreas de Ferrol, feitas desde terrazas e tellados da cidade. Decembro 2006 a xaneiro 2007.
"Casas con pelo", cadros de casas de Ferrol e arredores nas que as árbores forman mechóns sobre ou diante delas. Durante febreiro.
Cafetería DERBY, Ferrol:
"Peces", con peixes antes e despois de ser cociñados.
"Castañas". Coincidindo co magosto, exposición sobre castañas, ourizos de castaña, pólas e castiñeiros.
"Desnudos y grabados". Exposición con cadros de espidos e gravados sobre Ferrol.
“Érase una vez mis gatas”. Contos e cadros sobre os animais que viven con ela.

Retratos.
Neste proxecto Carmen está a realizar, a razón de dous por semana, retratos de alumnos da Escola Aberta e amigos, en diversos formatos e técnicas, se ben predomina o acrílico e o óleo. Ao cabo dun ano, en outubro de 2007, exporá todo o conxunto de retratos -calcula uns 150- nunha sala importante.
Pintura en Acción.
Carmen iniciou un ambicioso proxecto consistente nunha serie de maratóns pictóricas, ou accións, titulada precisamente Pintura en Acción, na que está a levar a súa pintura en directo a diversos lugares normalmente non asociados a usos artísticos. Nestes lugares Carmen pasa todo un día -doce horas aproximadamente- pintando alí, tanto os lugares como a xente que pasa por alí.
Ten programada unha acción pictórica por mes, e mesmo ten un blog en Internet (Pintura en Acción, http://carmova.blogspot.com) no que se recolle o seu traballo, pero sobre todo referido a este proxecto.
Polo de agora ten feitas dúas accións pictóricas e xa está organizando a terceira:
3 de xaneiro de 2007: Cafetería Zucre. A cafetería Zucre é coñecida en Ferrol polas súas exposicións habituais e na práctica funciona como sala de exposicións a falta de espazos máis axeitados na cidade.
23 de febreiro de 2007: Cafetería Cafeto. Habitual das exposicións ARTE&CAFÉ de Carmen.
22 de marzo de 2007: Campus de Esteiro, Ferrol (Universidade da Coruña). Neste lugar Carmen pasou todo o día pintando ao temple.
Posteriores edicións de Pintura en Acción terán como escenario a Escola de Idiomas, o Instituto de Bacharelato Concepción Arenal (que ten Bacharelato Artístico), un colexio, un xeriátrico, unha praia, unha gardería, a porta dun museo, o medio da rúa, unha institución bancaria, unha feira-romaría, unha casa rural... e a cafetería Derby, onde montará un taller de gravado temporal e fará ao longo do día varias pranchas e as súas correspondentes estampas.
Estas accións pictóricas sérvenlle a Carmen como protesta pola dificultade para amosar o traballo na súa propia cidade.

 Outros datos de interese

Está a escribir e ilustrar contos para nenos nos que aborda temas moi variados, algúns poden verse en:
http://www.telefonica.net/web2/anxovarela/carmen/ilust/index.html
Escola Aberta de Arte: http://www.escolaaberta.com
Blog persoal, “Pintura en Acción”: http://carmova.blogspot.com
Galería pictórica (obras antigas): http://www.escolaaberta.com/carmen.htm