Carlos Pereira Martínez


Data de Nacemento: 24 de marzo de 1959
Lugar de Nacemento: Montevideo (Uruguai)
 Currículum

Licenciado en Xeografía e Historia, especialidade Historia, pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (U.N.E.D.), realizou os cursos de doutorado en Historia Medieval no Departamento de Historia Medieval, Moderna e Ciencias e Técnicas Historiográficas da U.N.E.D. Especialista na Orde do Temple nos reinos de Galicia e León. Profesionalmente é historiador do Concello de Culleredo.

Membro da "Sociedad Española de Estudios Medievales", da "Asociación de Escritores en Lingua Galega", da Asociación Cultural "Estudios Históricos de Galicia" e da "Asociación de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia", entre outras.

Foi membro do consello de redacción da revista Dez-Eme, da Fundación 10 de Marzo de Comisións Obreiras e forma parte do comité científico da revista Anuario Brigantino, do Concello de Betanzos.

Foi comisario do V e VI Premio “Manuel Murguía” de Ensaio da Deputación da Coruña (2004, 2006). Director dos "Seminarios de Historia de Culleredo".

 Obras realizadas

Ten pronunciado conferencias, ou participado en Congresos, presentacións de libros ou outros eventos culturais en centros de ensino, asociacións culturais e veciñais, Concellos, Universidades… por toda Galicia, e colaborado con varias emisoras de radio.

Ten publicado máis dunha ducia de libros, entre os que se pode salientar Fábrica de Armas de A Coruña. Seis décadas de historia, (1998), Anxo Senra Fernández. Vida e obra (1999), Os Templarios. Artigos e ensaios, (2000), Asociacionismo e movemento obreiro en Oleiros (1900-1936), (2002), Germinal. Centro de Estudios Sociais (Cultura obreira na Coruña, 1902-1936) (2003, con Ana Romero Masiá), O orballo da igualdade. Asociacionismo femenino progresista na Coruña (2005, con Ana Romero Masiá), A Galicia heterodoxa (2010), Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República (2011, con Ana Romero Masiá), Xaime Quintanilla Martínez, xornalista en Ferrol (2012, con Ana Romero Masiá), e o poemario Río Alzheimer (2013) e en torno a 150 de artigos de historia, poemas ou outros textos en xornais, revistas especializadas, actas de congresos e libros colectivos.

Formou parte do colectivo poético coruñés "Os Habitantes do Lago", cursou estudos varios anos no Conservatorio de Música da Coruña e foi tamén un dos fundadores do Grupo de Teatro "Maiolongo" de Culleredo (1976) e director do grupo (1978). No ano 2011 gañou a XXXVIIª edición do Certame de Poesía “Concello de Vilalba”, co poemario Río Alzheimer, e tamén recibiu, xunto coa historiadora Ana Romero Masiá, o Premio Luís Tilve de Investigación e Divulgación Histórica polo seu traballo Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República, publicado a finais dese ano.

En 1986 realizou a súa primeira exposición individual. Ilustrou números de revistas como Ó Loro, Os Habitantes do Lago ou Galería, deseñando así mesmo diversos carteis, revistas e folletos. Membro cofundador do Grupo de gravadores "Suevia", forma parte tamén do Grupo "Crise" e é socio da Asociación de Artistas Plásticos de Galicia (ARGA).

Ten escrito, en textos publicados en libros, folletos e catálogos de exposicións, sobre a obra de artistas como Manuel Romero, Alfredo Erias, Secundino Rivera, Manuel Gandullo, María Xosé Leira, Emilio Celeiro, Ramón Astray, Luis Romero, Ángeles Jorreto, Lola Beade, Yolanda Dorda, Tino Poza, Manuel Ayaso, Alfonso Costa, Soledad Penalta ou Pedro Bueno Salto, entre outros.

Ten participado en diversas edicións dos "Encontros de Pintura e Poesía", organizados pola Deputación da Coruña no Pazo de Mariñán ou os Concellos de Brión e Culleredo. Realizou varias exposicións individuais na Coruña, Noia ou Porto do Son, e ten participado en numerosas mostras colectivas por toda Galicia e Portugal. Da súa obra artística téñense ocupado Ánxeles Penas, Xulio L. Valcárcel, Alfonso Costa, Miguel Anxo Fernán Vello ou Pedro Bueno.