Doutor en Socioloxía e profesor titular do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e Filosofía da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, foi membro do consello de Redacción de GRIAL e director do Instituto Galego de Estudos Comunitarios da Fundación Isla Couto.
Incorporouse á redacción de GRIAL en 1989, na etapa que dirixiu Carlos Casares. Ao longo de case vinte anos, participou activamente nos labores da revista con numerosas colaboracións, encargándose, ademais, da coordinación dos monográficos "Os dilemas da acción cultural" (número 130, 1996), "Sobre a sociedade da cultura" (149, 2001), "Demografía galega, un devalo imparable?" (162, 2004), "Espazos da cultura" (168, 2005). No último número (177, 2008), coordinou a sección "Desafíos da educación".
Foi autor e editor de máis dunha vintena de libros sobre socioloxía da cultura, políticas culturais, sociolingüística e desenvolvemento local e comunitario, entre os que se atopan: “Mapa cultural de Galicia: a situación socio-cultural dos concellos galegos” (Xunta de Galicia, 1991), “Políticas culturales y sociedad democrática” (Asociación Española de Sociología de la Cultura y de las Artes, 1999), “Cultura e concellos. As estratexias de promoción cultural no ámbito local” (Consello da Cultura Galega, 2000), “O proceso de normalización do idioma galego” (3 vol., 2002-2003), “Cultura e participación” (Consello da Cultura Galega, 2003) e “Cultura e novas tecnologías” (Consello da Cultura Galega, 2006).
En Galaxia publicou “Redes sociais e conxuntos de acción” (1996), “O desenvolvemento comunitario local” (1999) e “Familia e comunidade: a familia como actor nos procesos de desenvolvemento local” (2001).
Ademais de membro da International Sociological Asociation e da Asociación Galega de Socioloxía, entre 1994 e 1998 foi presidente da Asociación Española de Sociología de las Artes y la Cultura (AESCA).
Xan Bouzada faleceu en plena madureza intelectual e profesional, con varios proxectos inacabados e unha fonda pegada en cantos o coñeceron polo seu intenso e infatigable compromiso coa lingua e a cultura de Galicia, á que dedicou o mellor das súas angueiras.