Cándido Pazó González


Categoría: Autor, director de escena, narrador oral e actor.
Data de Nacemento: En 1960
Lugar de Nacemento: Vigo (Pontevedra)
 Currículum

Comeza a súa actividade como actor en 1975, vinculándose ao nacente movemento teatral de Vigo e de Galiza e sendo un dos “benxamíns” das xeracións xurdida arredor dos primeiros encontros da histórica Mostra de Ribadavia.Na súa formación non regrada cómpre salientar o seu paso pola École Philippe Gaulier, en París, que acabará deixando moita pegada nos seus traballos de escritura e posta en escena.

 Obras realizadas

Logo dunha primeira etapa de actor en diversas compañías e no C.D.G., debuta como autor e director de escena con “O melro branco” (Premio Xeración Nós de Teatro Infantil, 1989), peza representada pola súa compañía Tranvía Teatro. Dirixindo a compañía Ollomoltranvía, pon en escena o seu traballo máis célebre, “COMMEDIA, un xoguete para Goldoni”, espectáculo de commedia dell’arte que recibe os premios Compostela 93 ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección e Mellor Actor Protagonista, así como o Premio da Crítica del País Valenciá ao Mellor Espectáculo do 94 e o premio da A.I.T.A. (Asociación Independiente de Teatro de Alicante) como Mellor Espectáculo de l995. Realizou postas en escena, adaptacións ou traducións para diversas compañías galegas e o C.D.G., traballando con textos propios ou de Roma Mahieu, Gil Vicente, Quico Cadaval, Marco Antonio de la Parra, Suso de Toro, Sanchís Sinisterra, Therry Jones, Umberto Eco ou Itziar Pascual. Entre outros espectáculos escritos ou dirixidos por el destacan: “Nau de Amores”, espectáculo montado a partir de textos de 16 obras de Gil Vicente; “Nano”, monólogo a partir de textos da novela “Tic Tac” de Suso de Toro, (Premio María Casares 98 á Mellor Adaptación, Mellor Dirección e Mellor Actor Protagonista); “O bululú do linier” (Premio María Casares 2000 ao Mellor Texto Orixinal); “ÑikiÑaque” (Premio Max 2002 ao Mellor Texto Orixinal en Galego) ou “Binomio de Newton” (nominado para os premios Max 2003 como Mellor Texto Orixinal en Galego); “Bicos con lingua”, escrito con outros autores (Premio María Casares 2004 ao Mellor Texto Orixinal); “García” (Nominado para Espectáculo Revelación nos premios Max 2006 e Premio María Casares 2006 ao Mellor Texto Orixinal); “Emigrados”, escrito con outros autores (Premio Max 2008 ao Mellor Texto Orixinal en Galego), “A piragua”, producida polo Centro Dramático Galego (Premio María Casares 2008 ao Mellor Texto Orixinal) ou “E ti quen vés sendo”, producido por Talía Teatro (nominado ao Premio Max 2009 ao Mellor Texto Orixinal en Galego e aos Premios María Casares 2009 ao Mellor Texto Orixinal e á Mellor Dirección). Formou parte dos dramaturgos europeos seleccionados para participaren na Maratón Europea da Creación Teatral, dentro do programa de actividades da Capitalidade Cultural Europea de Bruxelas (2000). No campo da narración oral, para alén das súas constantes actuacións en locais especializados, ten participado en numerosos festivais en España, Portugal e América Latina e imparte un seminario anual sobre “a oralidade no actor” na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto.