
CurrículumBaruk Domínguez Grandío, nado en Vilalba o 28 de novembro de 1990, comezou os seus estudos musicais no Conservatorio Profesional de Música da súa vila nas especialidades de Guitarra Clásica e Trompa.
Na súa xuventude, xunto a outros rapaces da localidade, membros todos eles da Banda de Música de Vilalba, creou o grupo de rock satírico e humorístico Irmandades do Falo.
Uns anos máis tarde, nunha vertente máis poética e coa colaboración da escritora Pilar Maseda, deu comezo á actividade da formación Corredores de Sombra.
Durante todo este tempo continuou a perfeccionar e a ampliar os seus estudos musicais a través de diferentes cursos e clases maxistrais, tanto de guitarra clásica, con David Russell, Zoran Dukić, Matteo Mela, Lorenzo Micheli ou Andrea González Caballero; como de guitarra eléctrica, con Carlos Campoy.
No ámbito da música coral, desde o ano 2011 actúa como baixo do Coro Gaos da Coruña, que dirixe o mestre Fernando Briones, ademais de colaborar con outras formacións e proxectos puntuais.
Entre os anos 2021 e 2022 cursa o mestrado en Dirección e Pedagoxía Coral da UNIR (Universidad Internacional de La Rioja) e a partir do ano 2023 inicia os estudos oficiais de Canto no CMUS Xoán Montes de Lugo coa mestra Luz Alonso.
Ao tempo, asiste a cursos e clases maxistrais de dirección coral con mestres da talla de Javier Fajardo (Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia), Fernando Malvar-Ruiz (Los Angeles Children’s Choir), Basilio Astúlez (Vocalia Taldea e Leioa Kantika Korala) ou Maddalen Dorronsoro (Lartaun Abesbatza e Landarbaso Abesbatza); e de técnica vocal con Borja Quiza ou Carmen Subrido.
Na actualidade, é director da Coral Polifónica Vilalbesa, do Orfeón Lucense e director convidado do Coro do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) durante o curso 2026-2027.
Paralelamente, preside as asociacións culturais Banda de Música de Vilalba e Escola de Música de Vilalba (ESMUVI), entidade na cal traballa como profesor das especialidades de Guitarra, Baixo e Ukelele, Linguaxe Musical, Iniciación á Música, Música para Bebés e Minicoro.
Ademais da súa traxectoria musical, é xornalista licenciado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), na especialidade de Xornalismo Audiovisual, entidade na que tamén cursou a posteriori o mestrado en Estudos da Literatura e da Cultura coas máis altas calificacións e coa publicación de varias das súas investigacións.
Asimesmo, cursou o mestrado en Radio da Fundación COPE e da Universidade San Pablo-CEU. Neste eido, desde o ano 2015 traballa como redactor nas emisoras de COPE Lugo e COPE Ribadeo, onde tamén é responsable do programación radiofónica sociorrelixiosa da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, na que coordina os programas “El Espejo” e “Iglesia Noticia”.