Arturo Souto Feijoo


Categoría: Pintor
Data de Nacemento: 5 de abril de 1902 (†3 de xullo de 1964)
Lugar de Nacemento: Pontevedra
 Currículum

Arturo Souto mostrou a súa afección pola pintura xa desde neno ó lado do seu pai, pintor afeccionado, e foi en 1920 cando ó trasladarse coa súa familia a Sevilla consolidou a súa vocación, entrando en contacto con outros artistas andaluces. En 1922 foi a Madrid e ingresou na Academia de Belas Artes de San Fernando e tres anos máis tarde realizou a súa primeira exposición. Gracias ós cartos conseguidos coa venta dalgúns dos seus cadros conseguiu viaxar por primeira vez a París en 1926 e dous anos máis tarde viaxou alí de novo gracias a unha bolsa da Deputación de Pontevedra. Posteriormente regresou a Madrid e participou na Exposición Colectiva de Arte Galego (1928) e nas exposicións individuais no Ateneo (1929) e no Lyceum Club 1930). Por esta época reiniciou os seus contactos con Galicia e foi en 1930, a través do seu amigo o poeta Luis Pimentel, cando entrou en contacto co grupo de intelectuais de Lugo. Antes da Guerra Civil realizou importantes mostras en Madrid, Bilbao, Copenhague e Berlín (1932), Madrid e Galicia (1933) e Barcelona e Florencia (1934). Tras recibi-lo premio "Roma" en 1934, trasladouse a Italia para perfecciona-los seus estudios. Como debuxante gráfico, colaborou nas revistas El Combatiente, Madrid, El mono azul e Nova Galiza. Tras abandonar Europa, viaxou primeiro á Habana, onde levou a cabo unha exposición con gran éxito. Posteriormente viaxou a Estados Unidos, onde tamén realizou varias exposicións e en 1942 trasladouse a México, onde se instalou coa súa familia. En 1962 regresou a España e despois de permanecer ata 1964 viaxou de novo a México para recolle-las súas posesións e instalarse definitivamente en Galicia.

 Obras realizadas

Da súa abundante obra destacan fundamentalmente os seguintes óleos: Tres figuras clásicas, Mujeres y cántaros, Concierto, Los cuatro jinetes del Apocalipsis, El caballo blanco, Cámara de tortura, La dama del abanico, La dama triste, Las jóvenes provincianas, Mujer con sombrero negro, La siesta, La barca negra, Maternidad campesina, etc.