Estudou no Seminario de Mondoñedo con dous compañeiros vilalbeses, de Sancobade, Luís Fole Freire e Xosé Bello Lagüela, que serían “compañeiros da alma” durante toda a carreira ata o día en que recibiron o orde sacerdotal concretamente no Congreso Eucarístico de Vilalba do ano 1960.
A preocupación por Galicia aínda que fora, naquel tempo do Seminario, so no folclore, levouno a editar no ano 1959 á multicopista, conxuntamente con Fole e Florentino, un folleto “Na Terriña” coa música e letra de cantos galegos.
En 1960 comezou en Viveiro o seu labor pastoral de coadxutor de San Francisco. Agradecido pola cálida acollida viveirense, tocoulle compartir a desgraza da Galerna de 1961 na que afogaron moitos homes en precarios barcos de pesca ata o Gran Sol, que deixou na bisbarra, sobre todo en Celeiro, gran número de viúvas e orfos. Tamén compartiu a dor do peche da mina de Silvarosa en 1966, que afectou á economía de toda a zona e a crise de Chavín.
No ano 1967 é nomeado rexente para parroquia de San Xoán de Filguieira, en Ferrol. Alí uniuse a un grupo que se estaba a consolidar no chamado “cinto vermello” de Ferrol, formado polas parroquias de Canido, Santa Mariña, San Paulo, San Xoán, Caranza, e un pouco máis afastadas, Santa Icía, San Xosé Obreiro, Santiago de Gándara e Piñeiros. Nesta bisbarra estaban xa con experiencias pastorais interesantes, Chao, Vicente, Aneiros, Gabriel, Cuco Ruiz de Cortázar, aos que se engadiron máis tarde, Couce Rey, Xaquín, Mauel Ladra e Bello Trigo e Luís Fole cos que este sacerdote compartiu en reunións e proxectos que lle fixeron cambiar as homilías espiritualistas e acomodaticias por outras que se interesaran polos problemas humanos da xente. Este compromiso social e cristián levounos a comprometernos na loita polas liberdades e dereitos da crase traballadora, tal e como se refliecte no libro “Los Curas contra Franco de Rosa Cal”.
Tomou, conxuntamente con este grupo, opcións pastorais máis conformes co Evanxeo: servizos relixiosos gratuítos, seguindo a consigna de Xesús, “o que recibistes gratis dádeo gratis”; preparación da procesión do Corpus Christi, en 1968, de Ferrol para que non fora unha manifestación militar coa formación da mariña con fusiles con baioneta calada; a promoción de colectas solidarias apoiando ás folgas de PYSBE, MEGASA; a disposición de locais parroquiais para as reunións dos sindicatos clandestinos.
Compartiu no movemento de Coloquios de Parroquias, organización que espertou a posta en práctica do V. II e que convocaba a todo o clero galego, alicerce que marcou un fito histórico na problemática da Igrexa galega. Asistiu ás asembleas de base nacionais e internacionais de cristiáns.
Todos estes pasos ben supervisados pola policía social e sobre todo a toma de postura diante dos sucesos do 10 de marzo de 1972, no que dous obreiros da Bazán caeron mortos pola represión da policía, levárono á cadea de A Coruña durante dous meses, parte deles pasounos no Convento de Herbón, Padrón. Máis tarde, o 23 de febreiro de 1973, foi xulgado no Tribunal de Orden Público (TOP) no que resultou absolto.
No ano 1973 compartiu o traballo de profesor e director de Autoescola coa actuación pastoral na parroquia.
Colaborou en Xustiza e Paz, primeiro a nivel nacional na loita pola amnistía, e despois a nivel de Galicia Xustiza e Paz co específico da problemática de Galicia. Participou en CPS (Cristiáns polo Socialismo). En 1978 entrou a formar parte das reivindicacións nacionalistas de Galicia.
Aínda que o seu non é a produción literaria, dende 1978 formou parte do Consello de Redacción da revista Encrucillada con algunha colaboración puntual; foi así mesmo case cofundador Boa Nova e da Asociación Irimia e colaborador nas romaxes e na revista. Colabora con artigos na prensa local sobre historia de sacerdotes republicanos e represados; é coautor do libro “Cuco Ruiz de Cortázar. Una Voz para un Tiempo de Silencio”, no capítulo “Contexto político da vida de Cuco”, editado pola Asociación de Viciños Cuco Ruiz de Cortázar, Caranza. Participa no libro “En la memoria del pueblo” (Na memoria do pobo), Fernando Hoyos, xesuíta nativo de Galicia que morre na loita guerrileira de Guatemala. Tampouco se distingue como poeta, “mais Félix Villares tivo a benevolencia –di Anxo- de incluír os meus versos no seu libro Os Poetas do Seminario de Mondoñedo”. Escribiu o libro “Consejos de Guerra Contra el Clero Vasco. 1936-1944. Iglesia Vasca vencida”, que trata do Clero Vasco asasinado, encarcerado, e exiliado, non pola persecución chamada relixiosa, senón polo exército vencedor na guerra civil. Escribiu outro libro como homenaxe filial a súa nai, “A Mae de todos. Modesta Currás López. Un século de historia 1908-2008”, que ven ser un ensaio sobre a situación de Galicia na posguerra, coa súa nai como protagonista, vai recuperando as distintas etapas históricas na Galicia ao través do século da súa vida, en Boizán, Viveiro e Ferrol.
En 1992 deixa a parroquia, desligándose da xerarquía que xirara 180 graos con relación a esperanza que alumara o Vaticano II seguindo unha liña involucionista. En 1994 casa con Rosa Cal e vai vivir en Madrid onde traballou na autoescola ata a súa xubilación.
Segue achegado á Igrexa de base da súa alma e traballa na pescuda da súa historia contemporánea.