Anxo Carracedo Álvarez


Data de Nacemento: En 1955
Lugar de Nacemento: Santa Comba
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Licenciouse en Medicina na Universidade de Santiago en 1978 con Premio Extraordinario, e acadou o grado de doutor, tamén con Premio Extraordinario, na mesma universidade en 1982, logo dunha estadía predoutoral na Universidade de Uppsala. Catedrático de Medicina Legal no ano 1989 (adscrito á Universidade de Santiago de Compostela) Foi director do Departamento de Anatomía Patolóxica da USC e desde 1998 dirixe o Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela. Na primeira etapa da súa carreira profesional dedicouse á Xenética Forense e Xenética de Poboacións onde acadou pronto unha gran sona internacional.
Promoveu a creación do Grupo Español e Portugués de Xenética forense que integrou na “Sociedad Internacional de Genética Forense”, da que é membro do consello desde o ano 1989 e da que foi presidente no período 1999-2003 e da que é actualmente vicepresidente.
Desde finais da década dos 80 comezou tamén a dedicarse á Xenética Clínica que culminou coa creación da “Fundación Pública de Medicina Xenómica” da Consellería de Sanidade da que é o director executivo.
No seu labor de investigación cultivou, ademais da xenética forense e de poboacións, a xenética clínica, xenética do cancro e a xenética das enfermidades comúns principalmente neuropsiquiátricas, o que o levou a conseguir para Galicia a sede máis importante do Centro Nacional de Xenotipado, un centro de investigación con tres nodos financiado por "Genoma España", fundación dependente dos Ministerio de Sanidade e Industria para a investigación en enfermidades complexas e farmacoxenética.
Na súa traxectoria publicou 10 libros e máis de 300 traballos de investigación nas revistas máis prestixiosas.

 Obras realizadas

É editor da revista “FSI: Genetics” e editor asociado ou membro do consello editorial de máis de 15 revistas internacionais de Medicina Legal e Xenética.
É membro de moitas comisións nacionais e internacionais, impartiu conferencias e talleres por todo o mundo, e dirixiu 40 teses de doutoramento, oito de elas con premio extraordinario.
Recibiu numerosos premios entre eles a Medalla Castelao, Medalla de Prata de Galicia, o Premio Varela de Montes de Investigación en Medicina, a Medalla ó Mérito Policial con distintivo branco, a medalla de ouro Terra de Xallas e o título de fillo predilecto de Santa Comba e numerosísimos premios outorgados por sociedades científicas de todo o mundo.
É tamén vicepresidente da “Academia Internacional de Medicina Legal” e membro do consello ou membro de honor de moitas sociedades de Medicina Legal e Xenética de todo o mundo. Actualmente é presidente da Sociedade Española de Farmacoxenética e Farmacoxenómica.