Traballou toda a vida ata a xubilación como oficial de notaría na súa cidade natal. Dende moi novo participa na actividade cultural da súa cidade levando a cabo diversas actividades como guitarrista, actor teatral, coralista, conferenciante, tradutor, articulista e escritor. É unha persoa polifacética coa cultura como referente na súa vida.
De mozo colaborou no periódico quincenal “El Eco de las Mariñas”, que saía en 1956 e no que publicou artigos en todos os números.
Foi membro da Asociación Cultural Candilejas, que desenvolveu as súas actividades en Betanzos a comezos dos anos sesenta, formando parte do seu cadro de declamación e participando como actor en varias obras levadas á escena por esta asociación.
Como guitarrista formou parte de rondallas e de varios grupos: Muñoz-Cuns (tocando cos irmáns Muñoz) e Evocación (con Manuel Vidal e Suso Bergantiños). Desde a súa fundación en 1969 e durante varios anos, foi membro da Coral Polifónica de Betanzos.
En 1992 colaborou na fundación da Asociación Cultural Eira Vella, ademais foi secretario fundacional e vogal durante o período 1993-1998. Tamén colaborou na revista A Xanela, que edita a asociación.
Como narrador comezou publicando en castelán Mi tumba y yo, que acadou o primeiro premio de contos no certame da Unión Protectora de Artesáns de Santiago en 1957. Outro conto, Tiñan frío, foi mención honorífica no certame Breogán do Centro Galego de Baracaldo en 1976.
Publica, ademais, O que non quedou no protocolo (1992), O velorio do Tío Chinto (1995) e Así foi… e seguirá sendo (2004), todos editados polo Concello de Betanzos. Tamén escribiu Alcumes recollidos en Betanzos (1989), en colaboración con Xesús Torres, e Orquestras populares das Mariñas (2006), en colaboración con Xosé María Veiga.
A súa actividade como tradutor ao galego comeza coa tradución de dúas obras de Rabindranath Tagore: O carteiro do rei e Malini (Ed. do Castro, 1976). Tamen traduciu obras breves teatrais de autores españois e universais.
A súa relación co teatro ven desde a súa xuventude, como actor, versionador e tradutor, así como autor con obra propia e representada. É o autor de O esmoleiro, estreada en 1995 pola Agrupación Teatral Mariñán; Alter Ego, estreada en 1996 pola mesma agrupación e O ramallo de loureiro. Realizou versión ao galego de Alejandro Casona (dúas obras do Retablo jovial), Roger Martin du Gard (O testamento do tío Lelé), August Strindberg (A máis forte. Debe e jaber). Como actor formou parte do cadro de declamación da Asociación Candilejas e de Luzada (con Olga Patiño e Basoa).
Os seus traballos sobre historia e etnografía local e cultura popular fóronse publicando no Anuario Brigantino, do que é secretario, durante máis de vinte anos: La Banda municpal de Betanzos en el siglo XIX (1984), La Banda municipal de Betanzos en el siglo XX (1986), Rabusco (1989), O humor na poesía popular galega (1991), Lendo ó Padre Martín Sarmiento (1995), Re, non verbis (De feito, non de palabra) (1997, este en colaboración con Veiga e C. Fernández), Memorias dunha viaxe de ida por volta á República Arxentina e á Oriental do uruguay (1998), A propósito do Apropósito (1999) e Os Serenos: historia e historias da Garda Municipal de Betanzos (2000, en colaboración con Xosé María Veiga).