Estudia o bacharelato en Pontevedra, trasladándose posteriormente a Madrid, onde estudia Arquitectura, licenciándose en 1900.
Asóciase co seu compañeiro Joaquín Otamendi, preséntanse a varios concursos e gañan os proxectos: Ponte Monumental de Bilbao (1902), Gran Casino de Madrid (1903), Ponte sobre o río Urumea de San Sebastián (1904), Palacio de Comunicacións na praza da Cibeles (1904), Banco Central, Hospital de Xornaleiros, Talleres do ICI, Banco de Biscaia,... A obra que realizou en Galicia tamén foi importante, destacando: Fonte do Santo Cristo (O Porriño, 1907), monumento da Virxe da Roca (Baiona, 1912), fonte do Balneario de Mondariz, o teatro Rosalía de Castro de Vigo, a Basílica da Visitación para as Salesas en Vigo,... Un proxecto inacabado sería o templo da Vera-Cruz do Carballiño, aínda que logo remataríano pero sen o proxectado Hostal do Peregrino.