A súa familia trasladouse a Lugo en 1917. En Lugo estudiou no Instituto de Ensino Medio e, por libre, Farmacia ata o último curso en que foi a Santiago, licenciándose cando tiña vinte anos. Posteriormente estudiou Medicina en Salamanca. De volta a Lugo traballou de médico con Exiquio Sánchez Cuesta colaborando na campaña antituberculosa. Tamén exerceu de forense. Non puido facer oposicións a Medicina libremente xa que foi represaliado (Faltoulle, entre outras cousas, o certificado de boa conducta do párroco da súa parroquia). Por iso exerceu de farmacéutico, na Farmacia da Cruz e no laboratorio Celta en que fabricaba diferentes productos farmacéuticos (todo tipo de remedios) aínda que nunca abandonou a práctica da medicina, a nivel privado. Durante a súa xuventude participou en movementos de esquerda, en particular galeguistas. Con Ramón Piñeiro e con Luis García Pardo (Luis Sabarei) fundaron as Mocidades Galeguistas de Lugo, no ano 1934-35. Despois da guerra mantivo unha actividade galeguista e de esquerdas. Na traseira da súa farmacia organizábanse faladoiros nos que participaban persoeiros como Méndez Ferrín, Luis Pimentel, Ramón Piñeiro, Emilio Gil Varela, Manuel María, Pepe Gaioso, Veral ou Ánxel Fole, un dos máis asiduos. Tino Grandío, gran amigo, fixo a súa primeira exposición na traseira da farmacia e laboratorio anexo. Á inauguración asistiron Xulia Minguillón, Boado, Enma Salgueiro, etc... Participou na constitución da Editorial Galaxia, xunto con Álvaro Gil Varela ou Ramón Piñeiro. Sempre foi un gran conversador. En 1968 puido retoma-la súa profesión de médico, incorporándose á seguridade social, ata a súa xubilación. Pertenceu ó Partido Socialista despois da instauración da democracia sendo presidente da agrupación local de Lugo.