Andrés Núñez Rajoy


Categoría: Enxeñeiro técnico agrícola
Data de Nacemento: 10 de xaneiro de 1957
Lugar de Nacemento: Padrón (A Coruña)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Despois de facer o bacharelato en Padrón, estudou Enxeñería Técnica Agrícola na USC - Campus de Lugo (1979) e rematou a carreira cun proxecto titulado “Mellora do cultivo do Pemento de Padrón”.
Entre 1979 e 1980 dá clase no Colexio Rural Familiar “Dubra” de Negreira, no que Suso de Toro era o director. En 1981 é contratado pola empresa INYPSA para facer o primeiro catastro vitivinícola de Galicia para o INDO (antigo Instituto Nacional de Denominacións de Orixe do Ministerio de Agricultura). A finais de 1981 entra a formar parte do equipo directivo da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña-LEYMA, onde traballa de responsable executivo do departamento de hortofloricultura.
Entre 1984 e 1990 foi elixido como Secretario do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas da Coruña, Ourense e Pontevedra.
En 1987 entra na administración e desenvolve o seu labor como axente de extensión agraria en Carballo ata 1994, ano no que pasa a ser o responsable da sección de horticultura do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia en Santiago de Compostela.
En 2005 é nomeado Xefe do Servizo de Produción Agraria Sustentable e Sanidade Vexetal na Consellería do Medio Rural. Foi membro do Comité Fitosanitario Nacional, Comisión Nacional de Avaliación de Fitosanitarios e Comisión Nacional de Bioseguridade (2006-2009). Na Unión Europea formou parte do Committee on the Food Chain and Animal Health (2008-2009). É membro da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica e do Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura. A súa actividade como experimentador e investigador desenvolveuse fundamentalmente no campo das brassicas, recuperación de castes hortícolas autóctonas e agricultura ecolóxica. Dirixiu varios traballos fin de carreira, publicou máis de vinte de traballos en revistas científicas e publicou tamén varios boletíns técnicos.
 
 

 Obras realizadas

Participou, deu conferencias, organizou congresos e coordinou cursos da súa especialidade na USC, na EGAP e centros de investigación agraria de varias comunidades autónomas españolas.
En 1998, en colaboración con Xesús Cordeiro e Consuelo Davila, publica o primeiro manual de horticultura en galego “A Nosa Horta” editado por Xerais. Na actualidade esta desenvolvendo o seu traballo no servizo de Infraestruturas Agrarias en Pontevedra, cidade na que reside, dedicándose tamén a traballos de experimentación en horticultura ecolóxica.
 

 Outros datos de interese

Entre 1975 e 1981 dirixe o Cine Clube “Marcos da Portela” de Lugo e colabora na creación da Federación Galega de Cineclubes, ao mesmo tempo colabora como redactor e locutor do programa de Radio Popular de Lugo “Campo Adiante”. En 1977 colabora na creación da Asociación Cultural “O Sacho” de Padrón. En 1995 e 1996 foi membro do comité técnico asesor do proxecto Columella (programa ADAPT) na Escola Politécnica Superior da USC. É colaborador habitual do programa da TVG “Labranza” en temas de horticultura, sanidade vexetal, agricultura ecolóxica e OXM.